Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Ecosistemas en perigo

Normas obsoletas e ausencia de plans: as rías énchense de porcallada

Ecoloxistas, mariñeiros e mariscadores unen voces contra a contaminación mariña, fronte á inacción da consellaría de Medio Ambiente e do Ministerio de Fomento.

Redacción - 09:30 10/08/2008

O Goberno fixo hai tempo a promesa de investimento de até 650 millóns de euros deica 2010 para o saneamento das rías. O obxectivo era que nesa altura todas as rías do país conten cun sistema de depuración terciario: na práctica unha peneira das substancias que inflúen na calidade das augas para o marisqueo. Do investimento total a Xunta asegura que perto da metade xa se puxo en execución. Aseguraba daquela o conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, que se corrixía un "déficit histórico insostíbel" e que se frearían os vertidos de augas residuais ao mar sen tratamento.

Na práctica, a situación é moito máis complexa e, segundo advirten desde a Plataforma en Defensa da Ría de Vigo, por si sós os vertidos portuarios emitidos de xeito constante á ría van provocar en breve a "ruína" do sector marisqueiro e reducir considerablemente a calidade dos produtos pesqueiros. Unha situación que avalían coa mesma gravidade desde as respectivas plataformas de Pontevedra e de Arousa. Ecoloxistas, mariñeiros e mariscadores coinciden en denunciar a actitude do Ministerio de Fomento, responsábel dos vertidos de lodos portuarios e lamentan a escasa concienciación ambiental da administración estatal.

Ao tempo, critican a posición da Consellaría de Medio Ambiente, desde onde malia as peticións, non reciben de momento resposta nin sequera para unha xuntanza inicial de avaliación xeral da situación. Desde a Asociación en Defensa da Ría de Pontevedra exemplificaban a posición do Goberno coa actitude fronte á actividade de Ence na zona, culpando a Medio Ambiente de "conivencia" coa empresa.

Así, e mentres o Goberno mira para outro lado, segundo se queixan, as rías carecen en Galiza dun plan específico de protección. Recordan desde a plataforma viguesa que a normativa máis antiga relacioanda ten xa case vinte anos de antigüidade e quedou "obsoleta" e lamentan que non se dean novos pasos para a protección de ecosistemas especiais e "únicos no mundo". Fronte á indiferenza da que acusan ás administracións, as respectivas plataformas e varias das confrarías de pescadores e asociacións marisqueiras, cavilan dar o seguinte paso nos corredores da Unión Europea, denunciando a pasividade actual.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: