Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
SECTOR GANDEIRO

O Sindicato Labrego e Lence rifan polo prezo do leite en orixe

O SLG acusa a Leite Río de violar o contrato homologado que asinara en maio e reclama a intervención urxente de Medio Rural. O empresario nega a acusación.

Redacción / EP - 09:30 14/08/2008

A supervivencia do sector lácteo segue a estar nunha situación de continuo perigo. Non hai nin unha semana que os sindicatos agrarios esixían con novas mobilizacións perante a central de Pascual a garantía dun prezo base para o leite en orixe de 42 céntimos por kilo, cando vén de estallar unha nova polémica, desta vez centrada en Leite Río. O Sindicato Labrego Galego informa de que a empresa xa comunicou aos gandeiros unha nova rebaixa no prezo do leite. A organización agraria considera inaceptable que a industria de Xesús Lence anuncie a estas alturas a aplicación dun desconto, cando o prezo acordado era máis alto.

Ademais, o sindicato que preside Carme Freire, condena que esta actuación proceda precisamente dunha das industrias que o pasado maio asinara o contrato homologado galego, un mecanismo que fora impulsado pola Consellería de Medio Rural para regular as relacións profesionais entre os gandeiros e as empresas lácteas. É por iso, polo que reclama unha intervención urxente por parte desta administración, como garante dos acordos tomados.

O Sindicato Labrego Galego alerta, unha vez máis, que con medidas coma esta se está elevar o risco de abandono das explotacións lácteas: a pasada campaña 2007 – 2008 renunciaron ás súas explotacións máis de 968 produtores. Ademais, este ano o verán está a ser atípico, xa que normalmente é un período de repuntes no prezo do leite, que agora se están a ver limitados polo aumento das importacións de leite, o que previsiblemente derivará no peche de máis granxas.

Lence rexeita a denuncia
O propietario e administrador único de Leite Río, Xesús Lence, desmentiu que a súa empresa pretenda reducir o prezo do leite en orixe entregado polos gandeiros en xullo, que se paga a mes vencido. Así, negou a denuncia realizada polo Sindicato Labrego Galego (SLG), que condenou a suposta rebaixa aplicada polo industrial lucense a varios gandeiros. Río pagará a 0,36 euros cada litro de leite recollido en xullo, "o mesmo prezo que en abril, maio e xuño", reiterou.

Asegura Lence que os recibos que certifican os pagamentos aos produtores lácteos "aínda non saíron da empresa, non se enviarán ata o luns", insistiu con rotundidade. Así, cuestionou as afirmacións do SLG, "non sei como poden sabelo antes ca nós", agregou.

O empresario lucense si matizou, non obstante, que deixará de aboar as primas de cooperativa que recibían os gandeiros asociados a unha destas entidades. Un 30% dos produtores que traballan para Río en Galiza deixarán de percibir este complemento extraordinario.

"Non podemos facer fronte a eses custos", defendeu tras responsabilizar algunhas das principais cooperativas leiteiras do país de ofreceren unha media de seis millóns de litros mensuais nove céntimos "por debaixo do que gaña o gandeiro", segundo apuntou. "Quítannos cota de mercado", condenou ao asegurar que esas entidades comercializan nos mercados de maior relevancia do Estado, así como de Portugal, esas partidas de leite a baixo prezo.


Ligazóns

5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: