Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Atopados menores traballando

Denuncias por explotación infantil en talleres portugueses vencellados a Inditex

O xigante téxtil comprométese a investigar a situación e facer un seguimento das garantías laborais no país.

Redacción - 12:40 17/08/2008

Menores de 14 e 15 anos foron atopados traballando en talleres da empresa Cunha&Alves Lda, que traballa en exclusiva facendo camisas para Inditex. Segundo se facía eco a prensa portuguesa hai xa días, os propietarios tentaron facer saír os rapaces das instalacións cando advertiron a chegada dos inspectores de traballo. Tal e como relataba o diario Público, a empresa xa fora denunciada en anteriores ocasións por motivos similares.

Non é a primeira vez que talleres relacionados co xigante galego do téxtil son obxecto de denuncias deste tipo. Hai xa dous anos que se publicara tamén de rapaces de até 11 anos de idade que cosían zapatos para unha subcontrata de Zara, por 40 céntimos o par. Inditex rescindiu daquela o contrato co taller, e posteriormente faríao tamén con outros no marco dunha investigación sobre a aplicación do código de conduta estabelecido para os seus fornecedores.

Neste caso, a mediación sindical iría frear o desvencello de Inditex da empresa Cunha&Alves, onde traballan 140 persoas, apelando ao deteriorado tecido empresarial da zona portuguesa de Paços de Ferreira, onde se sitúan as súas instalacións. Deste xeito, a compañía lusa comprometeuse a favorecer un proceso de sindicalización a través do que poidan evitarse no futuro casos como o acontecido.

De paso, Inditex convocará a unha xuntanza a todos os seus fornecedores directos e indirectos en Portugal, arredor de 350 talleres e fábricas, para debater a aplicación dun procedemento de verificación da aplicación dos estándares laborais en todas as factorías portuguesas.


3.5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: