Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Os campións que veñen

A canteira de triatletas aplaude a xesta chinesa de Noya e Raña

Do compostelán Bricosa abrollan algunhas das futuras figuras do triatlón do país. Vieiros seguiu a competición olímpica na sede do equipo.

Pablo García Martínez - 18:30 19/08/2008

Faltaban poucos minutos para as seis da mañá cando un incómodo silencio invadiu o local social que o clube ten reservado nas instalacións do estadio de San Lázaro. Éxito, sería a palabra elixida para definir a actuación dos nosos triatletas en Beixín de non ser porque falamos de Iván Raña e, sobre todo, Xavier Gómez Noya. Unha amarga sensación escondeu a aquela hora o feito de que dúas das cinco primeiras prazas da proba estaban ocupadas por atletas galegos, país que antes destes Xogos Olímpicos ocuparía o 54º lugar no medalleiro. Non era aínda tempo para ser coherentes.

Dende antes da media noite o lugar foise ocupando por membros, directivos ou amigos do clube que nos recibiron cos brazos abertos para animar todos xuntos aos nosos olímpicos no triatlón de Beixín.

As 4:00 da madrugada que une o luns 18 co martes 19 de Agosto levaban tempo marcadas no calendario dos afeccionados ao triatlón, e en San Lázaro as horas de espera até o comezo da proba pasaron voando. Os pinchos facilitados pola directiva do Bricosa axudaron a encher o bandullo e, entre bocados, participábamos en conversas presididas pola ilusión. Nelas Gómez Noya partía como o favorito para acadar a vitoria final, pero as palabras de maior agarimo quedaban reservadas a Iván Raña, que chegou a Beixín coa secreta intención de cobrarse a débeda que dende fai catro anos os Xogos Olímpicos teñen con el.

Intenso seguimento da proba
A carreira comezou puntual e durante a primeira parte dos 1.500 metros de natación, custounos traballo aclarar os lugares que ocupaban os nosos nun grupo de nadadores amoreados difíciles de distinguir. Así continuamos durante uns minutos, até que localizamos a Gómez Noya nunha cómoda cuarta posición, e a Raña máis retardado pero no grupo de cabeza. A tranquilidade pasou a ser a tónica dominante, sempre da man dunha cega confianza. O tramo de bicicleta ofreceunos imaxes semellantes, cos galegos ben situados ante unha sucesión de ataques sen éxito. No comezo da 5ª volta ao circuíto de ciclismo formouse unha escapada que remataron integrando o luxemburgués Bockel e o belga Zeebrock. A confianza neles era pouca no local do Bricosa, e un dos mozos afirmaba que "estes poden chegar ata con dous minutos ao final do ciclismo que llos recuperan". A súa vantaxe non foi máis alá do minuto.

"Despois do primeiro quilómetro a pé verase como está cada un", afirmaba outro membro do clube, e non se equivocou moito. Foi pouco despois do segundo quilómetro cando puños ergueitos e berros eufóricos asolagaron o baixo reservado ao clube de tiratlón compostelán. Raña lideraba a proba seguido de Gómez Noya. A temperatura aumentaba de forma exponencial, nunha proporción inversa á forza das gorxas que se desfacían en berros de apoio para Xavier e Iván, como se a través da enorme pantalla de plasma eles puideran escoitarnos si berrábamos moito. Chegou a parecer que así era cando na terceira volta ao circuíto pedestre, Raña fixo un forte cambio de ritmo, acollido con novos berros. Pero os rivais aguantaron e Iván rematou por baleirarse ata tal punto que ao comezo da cuarta e derradeira volta foi perdendo contacto co grupo ata descolgarse definitivamente. Os "rañistas" eran maioría, pero uníronse todos para apoiar a Gómez Noya, que se puxo á fronte do grupo e comezou un dos progresivos cambios de ritmo que tantos triunfos lle trouxeron estes anos. O silencio comezou a comer uñas, vendo como o ferrolán non conseguía deixar atrás aos seus tres rivais. Escoitáronse augurios pesimistas como "estes non son bos compañeiros de baile", e coa entrada na recta final puido verse que efectivamente non o eran, cando comezaron a debater nun sprint final as tres prazas do podio ante o impotente ollar de Gómez Noya.


Caras desencaixadas dos máis novos que se agrupaban entorno ao televisor, como tratando de poñelo nervioso para ver se era verdade que se atrevía a cuspirnos tal decepción. Xeonllos chantados no chan e cruces de miradas compasivas foron algúns dos síntomas típicos da desilusión deportiva que a aquela hora volveron a San Lázaro onde, máis dunha década despois de que os grandes do fútbol español despediran con pena aquel entrañábel anano con cabeza de lama, volveu a vivirse a máis extrema paixón polo deporte, aínda que só fora unha pequena representación a escala. Como naquel último baile entre os grandes, San Lázaro viu saír das súas entrañas cabezas ofuscadas en mirar cara abaixo, aínda que esta vez cas últimas brisas dunha noite de agosto. Aínda non era tempo para ser coherentes.


4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



A proba comezou no medio dun ambiente distendido
A proba comezou no medio dun ambiente distendido
A enorme pantalla acaparou a atención
A enorme pantalla acaparou a atención
A tensión aumentaba a medida que se achegaba o final
A tensión aumentaba a medida que se achegaba o final
Non deixaron de animar en ningún momento
Non deixaron de animar en ningún momento
Así rematou a carreira para os do Bricosa
Así rematou a carreira para os do Bricosa