Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
FICHEIRO ILEGAIS

A Fiscalía resístese a investigar de oficio o escándalo policial de Sada

A pesar da existencia de datos de menores, o ministerio público limítase a recomendarlle ao goberno local que presente denuncia se ten indicios de delito.

R.Vilar - 12:30 19/08/2008
Escudo do Concello de Sada

Escudo do Concello de Sada

Mentres a Fiscalía non acaba de decidirse a investigar de oficio o último escándalo policial acontecido en Sada, o caso dos ficheiros ilegais elaborados polos axentes non deixa de complicarse. Os primeiros datos revelan que entre os “fichados” tamén hai menores de idade. O ministerio público parte da premisa de que polo de agora se trata dun asunto administrativo e que unha vez o consistorio investigue os feitos pode presentar unha denuncia se considera que hai probas de delito.

Outra das grandes incógnitas por resolver é o significado das cores existentes nas tarxetas de identificación (dous tons verdes diferentes e un laranxa). Mentres hai quen pensa que isto pode ter relación con algunha clave de identificación política (os axentes teñen fotografado plenos e manifestacións) outros sospeitan que as cores poden estabelecer unha distinción entre os fichados (por exemplo, aqueles que contan con antecedentes policiais ou os que os teñen penais).

O Movemento polos Dereitos Civís (MpDC) fixo público este martes un comunicado no que lamenta que a Fiscalía non actúe de oficio nun caso desta entidade. A asociación sinala que, se nos vindeiros días a Fiscalía segue sen tomar medidas, van presentar unha denuncia formal para que se abra a investigación xudicial. Núñez destacou a disposición do goberno local a investigar o sucedido, algo que aseguran non é nada habitual nestes casos.

Polo de agora, o Concello de Sada vén de abrirlle un expediente disciplinario ao inspector xefe da Policía Local, Xosé Pedreira Iglesias, e ao responsábel da Unidade de Seguridade Cidadán, Xoán Carlos Arias Rodríguez. Este último departamento composto por oito axentes era o que se encargaba das quendas de noite. Nas súas dependencias estaban gardadas as fichas ilegais. O expediente disciplinario débese a que Pedreira Iglesias e Arias Rodríguez acusaron ao goberno local de fabricar probas falsas contra eles.

E o amor marchou co cambio de goberno...
Dende que nacionalistas e socialistas accederon ao goberno local en xuño do ano pasado (un mes antes o BNG conseguiu ser a forza máis votada nos comicios) as relacións con algúns axentes, especialmente co inspector xefe e co responsábel da patrulla de noite non foron especialmente boas.

As razóns para as desconfianzas mutuas veñen de lonxe. Os opositores ao polémico alcalde Ramón Rodríguez Iglesias, 'Moncho é moito', sempre viron con suspicacia as estreitas relacións entre algúns axentes e o sempiterno rexedor, que controlou con man de ferro o concello dende as primeiras eleccións de 1979. Ás denuncias polos continuos 'pelotazos' urbanísticos acabaron por facer coñecida a Sada durante a década dos 80 e 90 como a “Marbella galega”. Por se isto fose pouco, o propio rexedor daba boa conta das súas querenzas políticas ao recoñecer que tiña a Franco colgado nas dependencias que ocupaba no consistorio.

A oposición acusaba daquela a 'Moncho é moito' de crear na Policía Local unha especie de 'garda de corps'. Nos últimos tempos, o rexedor converteu Sada no 'paraíso policial' do país. Un concello de 13.600 habitantes contaba con 21 axentes municipais, ou o que é o mesmo: un policía cada pouco máis de 600 veciños. O control que exercía 'Moncho' era tal que algúns veciños aínda lembran que durante algún tempo os propios axentes eran os encargados de deixarlle a prensa na casa ao alcalde.

Entre a veciñanza sadense hai quen asegura que era evidente que algúns axentes da Policía Local se excedían nas súas funcións. E aínda que hai quen fala das formas demasiado "expeditivas" de certos funcionarios, o certo é que non consta a existencia de ningunha denuncia xudicial ou administrativa a este respecto.


5/5 (12 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: