Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Despois da denuncia dun grupo ecoloxista

Suspensión para Ence en Uruguai por tala ilegal

Acusan a empresa de arramplar con 80 hectáreas de bosque indíxena protexido para plantar eucaliptos.

Redacción - 18:00 26/08/2008

De costas á lexislación e sen coñecemento do Ministerio de Agricultura e Pesca, o grupo Ence arramplou con 80 hectáreas de monte centenario e protexido na área de Paysandú, en Uruguai, coa fin de despregar unha plantación de eucaliptos no lugar. Por riba, e co presunto obxectivo de agochar a acción, as empresas vencelladas ao grupo queimaron os restos en gabias abertas no terreo.

O acontecido foi descuberto polo grupo ecoloxista Guayabira, que recolleu probas e testemuños e puxo o caso en coñecemento das autoridades. Logo da denuncia, o goberno uruguaio descubriu que Ence aproveitara outros permisos para realizar talas en diversas zonas sobre as que se lle advertira que eran áreas que debían ser conservadas. Por este motivo, o Ministerio de Agricultura decidiu suspender temporalmente as actividades da empresa.

O caso é agora denunciado tamén polo colectivo Greenpeace, que une a súa voz ao grupo local Guayubirá, desde onde advirten que as 80 hectáreas detectadas poderían ser apenas "a punta do iceberg" e advertindo de que podería haber outras 300 ou 400 hectáreas afectadas no contorno do río Queguay.

A ilegalidade denunciada en Uruguai chega ademais pouco despois de que a empresa certificadora responsábel da concesión a Norfor, filial de Ence, do selo de xestión forestal sostíbel atendera ás evidencias e decidise suspender o certificado concedido baixo os principios do Forest Stewardship Council (FSC) debido á "mala xestión" forestal da empresa non a facía merecedora.


5/5 (10 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: