Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Discurso histórico ante 75 mil persoas

"Oito anos son dabondo", di Obama

O candidato demócrata á Presidencia de EUA promete restaurar a reputación do seu país no mundo, mais pasa con pés de la pola política internacional.

Redacción - 12:15 29/08/2008
Obama, esta quinta feira no estadio de fútbol americano Invesco Field de Denver

Obama, esta quinta feira no estadio de fútbol americano Invesco Field de Denver

"Estamos aquí porque amamos este país demasiado como para permitir que os vindeiros catro anos sexan igual ca os últimos oito". Diante dunhas 75 mil persoas que o aclamaban esta quinta feira en Denver (EUA), Barack Obama escenificou o espírito de "cambio" co que o Partido Demócrata afronta a campaña electoral.

Obama converteuse oficialmente no primeiro home afroamericano que opta a presidir o país máis poderoso do mundo. No seu discurso de aceptación da candidatura, que culmina a convención do Partido Demócrata, o senador de Illinois criticou a "política errática" de George W. Bush.

"O 4 de novembro (día da votación) témonos que erguer e dicir: 'Oito anos son dabondo'", sinalou Obama, e engadiu que "John McCain votou con George Bush o 90% das veces". McCain, pola súa banda, aparcou a rivalidade por un día e felicitou a Obama pola súa elección como candidato.

45 anos do 'I have a dream'
O discurso do candidato demócrata, titulado Promesa estadounidense, coincidiu co 45 aniversario do mítico discurso I have a Dream de Martin Luther King. Obama recordou o seu traballo nos barrios pobres de Chicago e tivo palabras para a súa avoa. "Eses son os meus heroes", en referencia a esta e mais aos traballadores que sufriron o peche das siderúrxicas da cidade.

O demócrata, ante miles de bandeiras estadounidenses, prometeu restaurar a reputación do país. No entanto, non se estendeu no eido dos asuntos exteriores: recordou que se opuxo dende o principio á guerra de Iraq e anunciou que acabará coa presenza militar neste país "de xeito responsábel". Ademais, dixo que recorrerá á "diplomacia dura e directa" con Rusia no conflito do Cáucaso.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: