Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
COMEZA O CAMPIONATO DE FÚTBOL

O primeiro grupo da 2º B estatal fala galego

A numerosa participación permite soñar con repetir os éxitos da 2003-2004, cando 4 equipos galegos ocuparon os primeiros lugares da categoría.

Redacción - 10:45 30/08/2008

Seis dos vinte equipos que disputarán as 38 xornadas de campionato son galegos, sendo Ourense a única das grandes cidades sen representación na categoría. Aos catro equipos que se mantiveron únense o Cidade de Santiago, procedente da Rexional, e o Racing de Ferrol, que descendeu da 2ª división A.

Racing de Ferrol
O equipo de Manolo Sánchez buscará un novo ascenso á categoría de prata do fútbol estatal, de onde chega este ano á 2ªB. Desde o seu ascenso na 1999/2000 á segunda división pasou a maioría do tempo na categoría de prata. Os seus pasos pola 2ªB cóntanse desde entón por ascensos, estatística que tratarán de repetir este ano. Con esa idea volveron apostar por un corpo técnico coñecido, e unha fonda renovación do equipo con 7 novas fichaxes. Esta fin de semana reciben o filial do Sporting de Xixón, no primeiro partido do campionato.

Pontevedra
O club do Lérez cumpre a súa cuarta tempada en 2ª B, despois dun paso fugaz pola división superior. Desde entón, o equipo foi crecendo, e consolidouse como un dos máis fortes na categoría. O ano pasado rematou a liga no segundo lugar, pero foi eliminado polo Ceuta na fase de ascenso. Seis novas fichaxes permiten ao equipo de Rafa Sáez volver a aparecer como un dos favoritos da categoría para o ascenso. O seu primeiro partido lévaos a Euskadi para enfrontarse co Sestao Ríver.

Fabril
O filial do Deportivo disputou a fase de ascenso a 2ª o ano pasado na súa volta á categoría, pero non dar continuidade no campo do Écixa á vitoria acadada na Coruña. Tres novos reforzos axudan a reforzar un bloque que xa demostrou ser competitivo o ano pasado para loitar polo ascenso. O equipo de Rogelio “Tito” Ramallo parte como un dos favoritos ao ascenso. Debuta na casa do Lemona.

Lugo

Despois dun longo período na 3ª división, o equipo lucense consolidouse na 2ª B e o ano pasado loitou por un lugar na fase de ascenso até a última xornada, á que chegou no 4º lugar. A derrota fronte ao Fuerteventura na casa deixou o equipo de Fonsi Valverde na 7ª posición. O club apostou pola continuidade e son só dúas as caras novas que se unen ao proxecto. No seu primeiro partido recibe o Bilbao Athletic no Anxo Carro.

Celta B
É o equipo galego máis veterano na categoría, onde cumpre a súa 9ª tempada consecutiva. A crise económica que afecta ao clube non se notou na elaboración do plantel, que contará con 6 novos xogadores con respecto aos que remataron no 8º lugar o ano pasado. Na primeira xornada enfrontase á Real Sociedade B en Donostia.

Cidade de Santiago

Co ascenso do equipo dirixido por Luisito o fútbol profesional volve á capital galega, catro anos despois de que un Compostela debilitado pola súa situación económica vagara polo grupo segundo da 2ª B. Desde entón, a división foi a tónica dominante no fútbol santiagués, onde chegaron a coincidir tres equipos na mesma categoría. Agora o Cidade de Santiago afronta cheo de ilusión a súa primeira tempada na 2ª B, para a que conta con nove novos xogadores. No plantel santiagués figuran algúns históricos da S.D. Composte, como Changui, Maikel ou Carlos. O reto do Cidade de Santiago comeza en Compostela fronte ao Marino asturiano.


4/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: