Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MEDIO RURAL

Abandono das explotacións leiteiras: en Portugal como na Galiza

No país veciño o número de granxas pasou de 60 mil a 15 mil en dez anos, un descenso que se acentúa sobre todo nas pequenas e medianas.

Redacción - 12:15 08/09/2008

A desaparición das explotacións leiteiras é un fenómeno que non vivimos unicamente en Galiza. No noso país a última campaña arrincou cun total de 13.096 granxas, máis dun milleiro menos que no ano anterior. En Portugal non son alleos ao drama do abandono do sector leiteiro, sobre todo por parte dos gandeiros máis modestos. O xornal portugués Público informa este luns de que o seu sector leiteiro perdeu 45 mil explotacións nos últimos dez anos, segundo os datos do Eurostat, a oficina estatística da Unión Europea.

Hai que subliñar que esta diminución de explotacións afecta sobre todo a aquelas de menor dimensión, o que o xornal portugués achaca a un proceso de axuste, onde o mercado seleccionou as empresas máis competitivas. Estas explotacións máis grandes terían unha maior facilidade para incrementar a tecnoloxía nas súas granxas, para mellorar a alimentación ou incrementar as condicións sanitarias e, á súa vez, aumentar a rendibilidade por animal. Isto explicaría que, se ben o número de vacas produtoras pasou de 380 mil a 280 mil, a produción de leite mantense nos perto de dous millóns de litros por ano.

Malia todo, a estrutura leiteira de Portugal continúa a sentar os seus alicerces nas pequenas explotacións. Máis do 90% das granxas producen menos de cinco mil toneladas de leite por ano, mentres que o 5,6% producen entre cinco mil e vinte mil toneladas por ano e o 2% por riba das vinte mil toneladas. Esta non é unha situación típica da Unión Europea, onde só media ducia de Estados ten maioría de pequenas explotacións.


5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: