Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Este sábado

Estréase a segunda ópera en galego da historia

Despois de O Mariscal, do Mestre Losada, Xoán Durán e Manuel Lourenzo presentan esta sábado á noitiña, na Coruña, O Arame.

Redacción - 12:45 13/09/2008

Vai ser dentro do Festival da Ópera da Coruña, que organiza a Asociación da Amigos da Ópera da cidade, este sábado, ás 21:00 horas no Teatro Colón.

Pasaron, daquela, case case 80 anos dende que se estreaba a primeira ópera en galego. Agora vai a segunda.

O Mariscal
Hai case oito décadas, o 31 de maio de 1929 o Mestre Losada estreaba en Vigo O Mariscal, a que ía ser a primeira e polémica ópera en galego, baseada na traxedia creada Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte na peza homónima, que foi descrita como obra mestra do teatro galego. Naquela altura Losada atopou impedimentos varios para representala. De feito, habíase estrear o 27 de maio de 1929 no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, mais no día e na hora, o predio estaba fechado. As autoridades coruñesas tiñan prohibido a representación, mais isto non detivo as arelas de estrear unha ópera na que se levaba traballando un ano enteiro. Así pois, Vigo acolleu a estrea, e o día a seguir representouse en Pontevedra.

O Arame
E até agora, 13 de setembro de 2008, non se representbu outra ópera na nosa lingua. O causante de que isto aconteza á fin é o compositor Xoán Durán, que tras as boas experiencias coa súa Cantiga Finisterrae (con letra de Fernán Vello), decidiu dar o paso e crear unha peza lírica propia. Xa tiña en mente que o libretista había ser o dramaturgo e actor Manuel Lourenzo (pai do tetro independente galego e Premio Nacional de Artes Escénicas e Estatal de Teatro). Da colaboración de ámbolos dous naceu O Arame, unha peza que conta a historia de dous cómicos que, xa vellos, regresan ao seu lugar de orixe, o mar de Fisterra, para cuestionar o sentido do seu paso por este mundo.

Trátase dunha ópera de formato pequeno (de cámara) con dous intérpretes e un só acto de hora a quince minutos de duración. A dirección musical está a cargo de Maximino Zumalave á fronte do Grupo Instrumental Século XXI, formado por músicos procedentes da Orquestra Sinfónica de Galicia. Os interpretes son o barítono coruñés Xavier Franco e a viguesa Carmen Durán, irmá do compositor. Tamén estarán sobre o escenario dous bailaríns, Alexis Fernández e Caterina Varela, da compañía Entremáns da Coruña.


4,8/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: