Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
XURXO TAXES, EDITOR DA 'OBRA DRAMÁTICA' DO AUTOR

"Para recuperar o público o teatro galego debería mirar a obra de Francisco Taxes"

O libro, editado por Xerais, presentouse este martes na Coruña coa presenza de Ánxela Bugallo, Manuel Rivas, Ramón Nicolás e Manuel Bragado.

Marcos S. Pérez - 19:15 16/09/2008
Francisco Taxes

Francisco Taxes

Manuel Rivas definiu a Francisco Taxes como un "escritor maldito nunha cultura tanto tempo maldita". Coñecíao ben; nos anos setenta compartiron experiencias creativas nos colectivos A Carón e Galga, xunto con Correa Corredoira ou Xavier Seoane. A súa obra dramática limítase a cinco textos (O velorio, 1971; Lenta raigame, 1979; Casta i Albito, 1980; Caderno de bitácora. Comedia estupenda, 1985; e Elas, 1997) e acadou tanto éxito no seu momento como ignorada foi despois.

A Obra Dramática que agora se presenta busca ser o punto de partida para ese recoñecemento para Taxes, falecido en 2003. Foi un autor fundamental da chamada xeración Abrente, cun papel moi importante na loita antofranquista e na normalización da lingua. Pero o máis importante foi o éxito de público da súa obra, "un teatro popular, divertido, con diálogos áxiles e ao que calquera se podía achegar", segundo o editor da antoloxía. A obra O Velorio, representada pola súa compañía A Troula, obtivo un éxito fabuloso en 1978.

Xurxo Taxes, historiador e fillo do dramaturgo, ocúpase da edición da obra. "A obra de Francisco Taxes", di, "é unha lección para o teatro galego actual. Para recuperar o seu público o teatro galego debería mirar a obra de meu pai". Taxes compaxinou o teatro e o cinema. En 1975, nas III Xornadas do Cine en Ourense, o Tribunal de Orden Público requisou a curta dirixida por Miguel Gato e baseada nun conto homónimo de Taxes, A tola, converténdoa dese xeito nun 'mito iniciático' do cinema galego. Un ano máis tarde, a curtametraxe O cadaleito, dirixida por Enrique Baixeras e con guión de Taxes a partir dun relato de Ánxel Fole (A caixa do morto), acadou un grande éxito de crítica e público.

Na introdución que acompaña os textos dramáticos, Xurxo Taxes analiza tamén a personalidade de seu pai, escritor maldito, segundo Rivas. Esta condición, que determina en boa medida o esquecemento que sufriu Francisco Taxes, está motivada segundo Xurxo Taxes pola "tendencia un tanto destrutiva ao dionisismo, o dereito á preguiza que sempre reclamaba, e o seu afastamento do sistema cultural galego". Tamén pola "febleza do teatro galego", que facía difícil a publicación ou a representación de moitas obras "por iso escribiu poucas obras nos últimos anos", di, "non lle gustaba escribir obras para gardalas nun caixón". A Francisco Taxes non lle gustaban os ambientes intelectuais, prefería os cafés, onde obtiña unha boa parte do material das súas obras.

Así e todo, en 1997 escribiu a orixinal e innovadora Elas, aínda sen representar. Trátase dunha peza de metateatro na que tres actrices se xuntan para ensaiar a obra dun vangardista autor estadounidense que fai unha versión do Don Juan de Zorrilla, reflexionando, en paralelo, sobre o teatro galego.


5/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: