Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
UGÍA PEDREIRA, DIRECTORA DE ACENTRAL FOLQUE

"A intención era permanecer en Lalín, pero foi Compostela quen comprendeu mellor o proxecto"

O Centro Galego de Música Popular abrirá as súas portas oficialmente o 11 de outubro.

Marcos S. Pérez - 10:35 20/09/2008

O 1 de outubro pecharase o prazo de inscrición nas aulas do Centro Galego de Música Popular, dando paso ás probas de acceso e audicións, que se celebrarán os días 3 e 4. O 11 de outubro, cos alumnos seleccionados e distribuídos en cada un dos niveis comezará oficialmente o curso na Central Folque. Pero antes, o día nove, os profesores do centro ofrecerán un concerto na Igrexa da Compañía. Falamos con Ugia Pedreira, directora de aCF, para que nos explique as razóns do cambio de Lalín por Compostela, o proceso de crecemento que vive o centro, os seus retos de futuro, e alén diso, as últimas novidades de Marful, que prepara un novo álbum, que escoitaremos en breve.

Que vai cambiar no conservatorio na súa nova etapa?

Xa non se chama conservatorio (esta palabra ficou en conserva). aCentral Folque (aCF), Centro Galego de Música Popular, é un centro adicado, por un lado á docencia, e polo outro á produción de eventos musicais complementarios da formación. aCF aposta mais que nunca pola profesionalización do alumnado adaptada ás necesidades específicas do campo musical galego. Neste proxecto case que se duplicou a equipa, creamos máis postos de traballo, introducimos a materia de violín, historia da música galega convértese en materia obrigatoria, o alumnado ten que realizar unhas probas de acceso (as prazas son limitadas), temos o recoñecemento de créditos de libre configuración para o alumnado da USC..., un sen fin de novidades curriculares e de estrutura xeral.

A intención era quedar en Lalín. En Galiza non é posíbel estabelecer centros de prestixio e dimensión fora das cidades?

A intención era permanecer en Lalín, si. Evidentemente desde as raíces do local chegamos ao universal, ben sexa nunha illa, nunha aldea, nunha vila mariñeira..., mais foi Compostela quen nos acolleu e sobre todo quen comprendeu mellor o proxecto polo tanto desde aquí traballaremos no barrio 'optimista' de Vista Alegre, na cidade, como viñamos facendo.

Que leccións aprendidas traedes de Lalín?
Unha experiencia de sete anos que permitiu construír un proxecto curricular de centro e aula para a música popular galega. Ser quen de poñer en valor as formas patrimoniais, a linguaxe da beleza e da realidade intemporal desta sabedoría colectiva. Potenciar as nosas capacidades creadoras e por que non, ser o altofalante dunha xeración de músicos. As vangardas son revoltosas, esponxas, cocteleiras, centrifugadoras que rachan co anterior constantemente, aínda que non sexan un fenómeno novo. Mais non temos os pés no río do esquecemento, sabemos que Lalín abriunos as portas para a construción dun sono, polo tanto iso non se esquece.

Parece que o ensino da música tradicional en Galiza vai collendo músculo. O conservatorio consolídase e crece, en Vigo a escola E-trad tamén vai adiante... Cales son os próximos pasos?
Os que como colectivo queiramos dar. Facer o sector mais forte é parte da nosa responsabilidade cara á nosa música, a nosa representación diante do mundo.

Cres que é posíbel chegar a este obxectivo da profesionalización dos músicos?
Iso actualmente xa é unha realidade. Toda a nosa equipa vive profesionalmente da música desde hai anos e certos alumnos do conservatorio anterior tamén se lanzaron ao acantilado nesta profesión. Non só é posíbel, é normal. O elenco de profesores da aCF é de luxo. Profesionais activos na creación discográfica e nos palcos que proxectan na súa aula unha forma de vida.

Como valoras o momento actual da música tradicional, de raíz, folk en Galiza?
En linda construción e traballando no segredo da eterna xuventude, as 3 'in': inquedanza, inconformismo e infancia. A expectativa está nos rapaces e concretamente nós apostando pola Aula Folque Infantil de Pontevedra que é a floreciña recén cortada de aCF. Unha aula folk experimental apoiada polo Concello de Pontevedra que desenvolve desde hai 3 anos unha pedagoxía libre.

Falta valentía ás veces? Bótanse en falta mais intentos de fusionar ritmos, de buscar novos camiños?
Valentes con valor? As culturas non son materia orgánica que pode morrer ou desaparecer ao completo. Tampouco as culturas musicais son verdadeiras ou falsas, pode que haxa mentiras evidentes. O hibrido é o natural nelas, polo tanto estamos a falar do mundo do inauténtico. Logo coma sempre, depende do talento, da técnica... Penso que pouco importa o xénero ou estilo cando se trata de comunicación. Neste proceso é a naturalidade e a sinceridade a clave dunha persoa que se comunica musicalmente. Ás veces para innovar é preciso unha certa inocencia para aportar novidades sen propoñelas. A compositora que ten necesidade de dicir algo será grazas á súa espontaneidade inventiva e non do seu empeño en convencer. Evidentemente, coñecer as formas musicais galegas e a historia musical dun pais axuda. Mellor é mostrar que ser sospeitosa de demostrar.

Fálanos dos teus proxectos. Cando teremos na man novo disco de Marful?
Buf... cando pase todo isto. Cando pintemos o local das oficinas de aCentral Folque, remate de montar os móbeis, aCF se bote a andar..., recuperarei cos meus compañeiros marfuleiros as novas canción e letras. En novembro faremos unha digresión por Valladolid, Segovia, Madrid e continuaremos dándolle voltas mentres "combinaremos na liña do horizonte ou naquel mar que non sae nas cartas, as cousas estanche moi boas, o caso é ter tempo" di a Jota para Frank Sinatra de Pedro Pascual.

Estades satisfeitos coas novas canción? Como definiriades o novo rumbo do grupo?
A viaxe a Cuba, a "Descarga ao vivo", está marcando en certa medida o ambiente do disco, tamén as viaxes de Marcos Teira a Brasil. Unha vez máis, están plasmadas as influencias americanas tan presentes na música inquietante de Marful e digamos que é mais bailábel, un baile cheo de inequívocos. No que a min respecta, as letras son mais patafísicas, optimistas e frívolas. As ansias dun infinito verao, as variettes e as damas das primeiras orquestras dos 50 cáenme coma un ballón de auga salgada.


4,92/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: