Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ENTREVISTA A ISABEL SOTO, TRADUTORA E INVESTIGADORA

A Guerra Civil deixa de ser un tabú na literatura infantil e xuvenil

Vén de publicarse o volume colectivo 'A Guerra Civil española na narrativa infantil e xuvenil', coordinado por Isabel Soto, Blanca-Ana Roig e Pedro Lucas.

Marcos S. Pérez - 10:45 21/09/2008

A Guerra Civil é un tema tabú, sobre todo para as xeración que a sufriron directamente ou que se criaron na postguerra e na ditadura. E sobre todo se nos referimos á información que se lles transmite a rapaces e mozos. Con todo, nos últimos anos, novas fornadas de autores comezaron a tratar sen autocensuras nin medos o que aquí pasou a partir de 1936, e cóntanllo aos máis novos a través de novelas, relatos e contos. A literatura infantil e xuvenil comeza a tratar a guerra, tanto en Galiza coma noutras literaturas nacionais da península e do resto de Europa.

Xerais vén de presentar o libro colectivo 'A Guerra Civil española na narrativa infantil e xuvenil', coordinado por Isabel Soto, Blanca-Ana Roig e Pedro Lucas., dirixido especialmente aos docentes. As feridas que a chamada 'Transición' deixou ocultas, comezan a airearse e a asumirse con normalidade.

Cal é o corpus de obras de literatura infantil e xuvenil sobre a guerra civil? É moi amplo? É máis habitual nos últimos anos?
Hai moitas obras, sobre todo nos últimos tempos. Na literatura castelá, aínda que xa nos anos oitenta Juan Farias publicou a súa triloxía Crónicas de Media Tarde (Años difíciles, El barco de los peregrinos e El guardián del silencio), que supuxeron un fito, o certo é que nos últimos anos esta temática revitalizouse moitísimo, coa aparición dun gran número de títulos. O mesmo pasa na literatura catalá, na que destaca o feito de que ademais das obras destinadas ao público xuvenil, aos adolescentes, publicáronse dúas obras dirixidas a nenos pequenos nas que a guerra civil é a protagonista. En euskera, mentres, as obras son escasas, seguramente porque no contexto vasco, aínda con manifestacións de violencia, a guerra civil segue a considerarse un tabú; de feito o título do estudo sobre a literatura vasca é, moi acertadamente, 'unha ferida sen cicatrizar'.

E na literatura galega?
En galego é unha temática crecente. Ademais doutros motivos que comparte con outros países, a literatura infantil e xuvenil galega comeza a despuntar nos anos noventa, e dentro dela todas as temáticas, esta tamén. É certo que xa antes se publicara Memorias dun neno labrego, que aínda que non trata directamente a guerra, esta si está no contexto da obra, ou A teima de Xan, en 1991, até chegar, por exemplo, á magnífica Noites de voraces sombras, de Agustín Fernández Paz.

Daquela comeza a rachar ese tabú do que falabas. É un feito xeracional? Tivo que chegar unha nova xeración de autores máis afastados temporalmente da guerra?
Si, quizais trátase dun desexo de agardar a un momento máis feliz. Seguramente o repunte desta temática nos últimos tempos tamén ten que ver con que agora o tema está moito máis presente na sociedade e nos medios de comunicación, dentro do proceso de recuperación da memoria histórica.

Sobre a guerra civil fíxose LIX mesmo en Alemaña...
Si, en España loitaron moitos alemáns, e algúns deles eran escritores, e á súa volta escribiron textos de diversos tipos en numerosos medios alemáns. Destaca tamén unha novela xuvenil titulada Catro rapaces españois, que non está traducida. É dunha autora chamada Ruth Wendel, unha muller moi comprometida, que se achegou á historia dos nenos na guerra. Ela morreu en Auschwitz, e a novela quedou entre as súas pertenzas e despois foi rescatada. E unha obra moi interesante entre outras cousas porque nos descobre como vían o conflito dende fóra.

Hai características comúns entre as obras ou estruturas que se repiten entre elas?

Si, si que teñen puntos en común. Moitas veces recórrese a narradores adultos, que lembran o que pasou. Outra das estruturas recorrentes é a dun adolescente que descobre un feito do pasado, porque ten interese pola historia familiar; por exemplo na obra de Agustín Fernández Paz Noites de voraces sombras, é unha adolescente a que descobre o que pasou co seu tío avó, un mestre represaliado que morreu na illa de San Simón. Outras veces cobra moita importancia a intertextualidade, os paratextos que se inclúen na obra.

A quen vai dirixida esta obra?

É un material de apoio para o profesorado, para os mediadores, porque a literatura infantil e xuvenil necesita de mediadores. A obra ten un corpus moi amplo, textos comentados e suxestión didácticas para traballar a partir delas.


3/5 (2 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: