Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
MANIFESTACIÓN

Dez mil persoas piden en Nantes a reunificación de Bretaña

Entre os manifestantes estaban o presidente da rexión bretona e do Consello do Loira Atlántico, ademais dos músicos Alen Stivell ou Dan Ar Braz.

Redacción - 17:43 21/09/2008

Bretaña é unha nación dividida en dúas rexións, a de Bretaña, e o departamento do Loira Atlántico, con capital en Nantes e incluído na rexión do País do Loira. Precisamente en Nantes os seus habitantes reclamaron este sábado a reunificación administrativa de todo o territorio da Bretaña nunha única rexión, nunha manifestación que reuniu a unhas dez mil persoas. De feito, sondaxes realizadas nos últimos anos confirman a vontade dos habitantes deste departamento de se integrar na rexión, con procentaxe superiores ao setenta por cento (en 2001). Este desexo é crecente, e foi callando sobre todo entre as xeracións máis novas, pasando duns niveis de aceptación do 44 por cento en 1986 até o estado actual.

Na manifestación houbo unha representación institucional moi destacada, encabezada polo presidente da Rexión de Bretaña, o socialista Jean-Yves Le Drian, e o do departamento do Loira Atlántico, Patrick Mareschal, tamén do PSF. Na manifestación participaron así mesmo os músicos Alan Stivell ou Dan Ar Braz. A marcha serviu igualmente para reclamar a oficialidade da lingua bretona e o respecto ás entidades culturais amateurs, que estaban amenazades por un proxecto de lei do Ministerio de Cultura de Francia, que reclamaba a profesionalización para poder actuar. Por este motivo, a presenza de agrupacións musicais, principalmente de gaitas, foi moi numerosa.

Bretagne Réunie
, un comité para a reunificación adminstrativa de Bretaña, lanzou un chamamento para preparar o referendo sobre a reunificación. Esta plataforma creouse nos anos sesenta e conta entre as súas caras máis coñecidas con políticos, profesionais e artistas de Nantes, como por exemplo Jean-Louis Jossic, adxunto de Cultura no goberno local da cidade. Bretagne Réunie vén convocando con éxito manifestacións como a deta fin de semana dende hai máis dunha década.

En Nantes, tanto a UDB (Unión Democrática Bretona), coma os Verdes, manteñen unha posición moi firme a prol da reunificación, e moitísimos cargos socialistas, comunistas e conservadores teñen manifestado o seu desexo, igualmente, por exemplo a través da Charte des élus pour la réunification. O consello xeral da Loira Atlántica, que votou unha petición de referendo en 2001, agarda por un proxecto de lei para organizar a consulta.


Ligazóns

4,68/5 (19 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: