Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
ENCONTRO INTERNACIONAL EN RIBADEO

A irmandiña da billarda dálle un baño a Alemaña

Desde O Varal mándannos en exclusiva a crónica do partido de billarda que enfrontou o pasado sábado ás seleccións galega e alemá.

Asociación O Varal - 09:30 23/09/2008
Un dos xogadores galegos durante o partido

Un dos xogadores galegos durante o partido

Comezar un crónico con tanto peso emocional ás costas é un lastre moi difícil de evitar. Temos que dicir que calquera dos envites nos que a Auténtica estea presente supón un desgaste supremo de todos os elementos da LNB para tentar que todo saia o mellor posíbel, e así foi, desde o primeiro raio de sol do sábado 20. A Lugo dirixíase o autobús alemán pilotado polo xermano-vigués Eladio cara á praia das Catedrais para enchouparse da brisa cantábrica e perderse nos escuros canellóns tecidos de xeito natural nas rochas desta incríbel praia ribadense. Mentres tanto a LNB preparaba a pista polideportiva do Gamallo Fierros para o gran desafío internacional do máxico serán. Despois dirixímonos ó concello de Ribadeo onde agardaba toda a Auténtica xunto co alcalde de Ribadeo Fernándo Suarez, para recibir a paus á selección alemá. Era a primeira vez que un concello abría as súas portas á Selección Galega de Billarda e facíao para recibir ós irmáns da selección alemá de Schlagpflock. Por primeira vez a lingua de Marx invadía o concello de Ribadeo nunha calorosa e histórica benvida ofrecida en alemán polo alcalde da vila.

As dúas delegacións deixaron a casa consistorial despois de sacar fotos para a prensa xermana e galega. A continuación dirixíronse cara a Remourelle para realizar o tan agardado xantar galego-xermano na Taberna Casa Lola . Eladio apagou o GPS do autobús xermano xa que Milio , o maxistral palanador da Auténtica, nativo do lugar, exerceu de sherpa da expedición alemá, amosándolle todos os carreiros que foron atopando.

Sobran as verbas para definir o espectacular xantar (ovella que berra bocado que perde) no que bos produtos da horta e carne asada fixeron lamber os beizos ás dúas delegacións. Cánticos tabernarios xermanos e galegos para rematar cunha espectacular interpretación do negra sombra por unha das palanadoras xermanas que puxo a pel de galiña a toda a Auténtica. Comezaba xa a sangue a ferver coas copas e Lola era reclamada pola Auténtica como cociñeira oficial no posíbel partido de volta en Berlín mentres se celebraba o aniversario do seleccionador xermano Aitor.

Pouco despois a sorpresa foi enorme cando nos atopamos cunha pista chea de afeccionados adoecendo por ver bruar as billardas. A emotiva interpretación dos himnos nacionais dou paso ao inicio do agardado Galiza vs. Deutschland.

Emocionante partido
Pese a que todas as apostas sinalaban á Auténtica coma favorita, o ritmo inicial imposto polos pupilos de Aitor Rivas desconcertou á Selección Galega, gañando unha importante serie de carreiras a emblemáticos palanadores e palanadoras locais. Ademais temos que sumar unha certa relaxación inicial de palanadores galegos moito máis interesados na procura do corpo a corpo coas palanadoras xermanas que en rematar o encontro pola vía rápida. A selección xermana medraba da man dun impresionante Bernar, que acadou dous varados na competición e mandou outro fora por milímetros. Destacado papel que contrarrestou Calvete, emblemático xogador da Auténtica. Pero non foi Bernar o único que destacou, xa que xogadoras e xogadores como Cristian, Livia, Daniela, Chantal ou Meikae obrigaron a aparecer no encontro ao seleccionador galego, o "Zidane da billarda" que fixo subir o ritmo até un nivel onde os alemáns non puideron soportar.

Non houbo neste partido vencedores nin vencidos e, alén dos trofeos, o gran premio para Galiza foi a fechada ovación coa que Deutschland agasallou aos galegos durante o paseo posterior ao partido.

Poderiamos falar mares e mareas pero non é necesario. A Auténtica demostrou a súa valía e profesionalidade e as institucións que apoian os desprazamentos noutras disciplinas teñen unha conta pendente agora coa LNB. Alemaña xa agarda por nós. A punta de lanza do proxecto internacional da LNB naceu en Asturias e continúa en Alemaña. Pegádevos ás pantallas porque Tele-Varal prepara xa os seus histórico vídeo-estalos deste encontro brutal entre a Billarda e o Schlagpflock.

MARCADOR:

SET 1: GZ 18 / DCH 4 / 3 EMPATES

SET 2: GZ 17 / DCH 4 / 4 EMPATES

SET 3: GZ 12 / DCH 6 / 7 EMPATES


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: