Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
Rubén, baixista de skarmento

"Agora facemos letras menos políticas, pero seguimos dando caña"

Levan dende os 15 tocando xuntos e celebran os oito anos do grupo teloneando a unha lenda viva do punk, The Adicts.

Clara Figueroa - 14:30 25/09/2008

Naceron na vila do pintor Laxeiro co sangue fervendo de rabia, para berrar as inxustizas dun concello que consideran que está rexido por "empresarios usureiros, mafias policiais e ladillas que conseguen traballo pisando aos demáis sen reparo". A vila de Donramiro, en Lalín, viu medrar a esta banda de rapaces que admiraba aos Clash, The Adicts, Cock Sparrer, Bonecrusher e a veteranos galegos como Skacha ou Tiro na Testa.

En setembro de 2008 cumpren oito anos xuntos que celebran cunha xira por Irlanda e cun concerto en Compostela teloneando a unha das bandas punk máis míticas dos anos 70, The Adicts. Rubén, o baixista da banda, fala con Vieiros do momento que viven.

Que pasa na parroquia de Donramiro, que non paran de abrochar punkis?
En Lalín coñecémonos todos e andamos algo mesturados, somos catro grupos que facemos ska, punk ou oi!, pero de Donramiro de verdade só somos Última Sacudida, o meu outro grupo, e Skarmento. Algún de Tiro na Testa e de Motor Perkins tamén é de alí, como Adrián o noso guitarrista, que toca en Motor Perkins, pero nós ademais temos en Donramiro o noso local de ensaio.

Sendo tantos en Lalín, quen move os vosos traballos e vos consegue xiras e concertos?
Nós imos por libre, pero ás veces hai algunha produtora que nos consegue concertos, e mesmo Deskarga Furtiva meteunos na súa web para temas de contratacións de grupos. Aínda así, o normal é que nos chamen logo de escoitar o noso myspace para ofrecerse a distribuír os nosos discos Que podemos agardar, 2004; Música Antisistema, 2006].

Cando quitades á rúa un traballo novo?
Estivemos gravando un traballo novo, pero con isto de traballar, estudar ou todo á vez tivemos que ir gravando aos cachos. Agora xa só queda mesturalo e quitalo á rúa, agardamos que para decembro xa estea listo. Como sempre, as letras son de Ángel, pero as de antes eran máis directas. Aínda que seguimos falando do que nos toca os narices e dando caña ao Concello de Lalín, agora falamos máis das nosas experiencias.

Que leria ten Donramiro con Lalín?
Mira, en Galiza a cultura está toda subvencionada, pero nós preferimos facer as festas sen axudas e ao noso xeito. Está claro que a fondo perdido fanse cousas máis grandes, pero non queremos que metan o nariz nunha festa que é nosa.

Xa facedes xiras internacionais como os Adicts?
Claro, estivemos de xira a finais do ano pasado por Alemaña e Francia cos Ofenders, un grupo ska italiano, e demos nove concertos en 11 días. A experiencia incríbel, o público moi ben e sorprendeunos que a xente viña aos concertos a pesares de tocar entre semana. E agora marchamos de xira o 2 de outubro a Irlanda, onde faremos concertos en Galway, Belfast e Dublín. Imos porque un grupo irlandés -The Freebooters- vai facer unha xira e contactaron connosco por email, dicíndonos que facían unha xira e se queriamos tocar canda eles. E nós todo o que sexa tocar...

Explícanos como se consegue chegar a tocar con The Adicts.
Para isto chamounos Carreira, de Inferno Produccións, porque os promotores da xira dos Adicts precisaban teloneiros no concerto en Galiza, onde tamén tocan uns amigos de Barcelona, os Secret Army. No disco que imos quitar en decembro hai un tema en inglés no que colaborou Rubén de Secret Army. Aínda non sabemos por que non saen na cartelería do concerto da Sala Capitol.

E non alucinades de actuar no mesmo concerto que eles?
Pois claro! Xa tiñamos tocado con grandes do punk, pero os Adicts son os Adicts. De feito Ángel, o cantante, leva tatuada a cara de Monkey nunha perna.

Vin que no disco Música Antisistema hai dúas versións de Cock Sparrer, vos sabedes algo do famoso Tributo Galego aos Cock Sparrer?
Si que sabemos! De feito ese proxecto o levamos adiante Xacobe de Sem Resposta e máis eu. Somos dous apaixonados da música oi! inglesa e propuxémonos facer unha homenaxe galega ao noso grupo preferido. Queriamos que o fixeran grupos que tamén coñeceran aos Cock Sparrer e mesmo que os versionasen.

E que vai ser este proxecto do que tanto se escoita falar?
Pois a idea é quitar un cedé con 15 versións de bandas que comparten a nosa paixón pola banda inglesa, pero aínda non sabemos cando poderemos xuntalas. De momento a nosa versión, o selo para distribuír o disco e máis o deseño xa están feitos, pero non sabemos para cando sairá.

Tendes un selo exclusivo para o Tributo?
Si, Xacobe e máis eu creamos Familia Vendetta Records exclusivamente para editar este tributo, que xa está a se demorar de máis porque as bandas non dan feito a gravar os temas e mandárnolos ao non impoñer prazos. Terá versións todas diferentes, algúns grupos meten o seu estilo, outros traducen a letra ao galego... vai quedar moi chulo.

Pareceume escoitar que estades de aniversario, ides celebralo?
Si, levamos tocando xuntos dende os 15 anos e facemos oito este mes de setembro. A xira por Irlanda e sobre todo o concerto dos Adicts xa son agasallos abondos para celebrar todo este tempo tocando, viaxando e compartido experiencias xuntos.

O próximo concerto de Skarmento será este xoves 25 de setembro na Sala Capitol de Compostela, xunto a Secret Army e The Adicts, ás 21h.


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: