Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
O CONSELLEIRO CONSIDÉRAO “UN TEMA MENOR”

Medio Ambiente quítalle importancia ás troitas mortas no Ulla

Aparecen ducias de peixes mortos nas proximidades do encoro de Brandariz, construído ao paso do río Ulla entre Touro e Vila de Cruces.

Redacción - 18:40 29/09/2008

O BNG de Touro difundiu un comunicado de prensa no que pide á Consellaría de Medio Ambiente que tome conciencia do desastre ecolóxico que se está a producir na zona, e que leve a cabo as medidas oportunas.

Trátase de unha das presas cuxa construción foi suspendida pola Xunta no ano 2005 cando se lle retirou a concesión de explotación, xunto con outros seis aproveitamentos hidroeléctricos situados na conca do Ulla. Porén, non conseguiron frear a construción do encoro que entrou en funcionamento a finais do 2007.

O conselleiro quítalle importancia
Pola súa parte Manuel Vázquez, conselleiro de Medio Ambiente, referiuse ao incidente como "un tema menor", e cifrou entre 15 e 20 o número de peixes mortos atopados. Vázquez recoñeceu que aínda non se coñecen as causas, e están á espera de resultados derivados das probas que está a realizar a empresa pública Augas de Galicia.

Adega súmase ás protestas

O secretario executivo de Adega, Fins Eirexas falou con Vieiros e cualificou a situación dos ríos galegos como "herdanza do PP asumida polo actual Goberno, que non se atreveu ou non quixo mudar as cousas". Eirexas fala deste caso como unha de entre as moitas situacións coas que nos atopamos nos nosos ríos a diario, ás que se referiu como "problemas ecolóxicos que rematan converténdose en problemas sociais".

Eirexas valorou positivamente o canon hidroeléctrico que, segundo o presidente da Xunta, entrará en vigor o próximo ano, pero considerou que esta é só unha medida e hai que ir máis adiante e levar a cabo "os pasos precisos para recuperar as concesións de explotación destes postos de aproveitamento hidroeléctrico".


3,67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: