Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DÍA INTERNACIONAL

Libros de ida e volta: A tradución consolídase

Editoriais como Galaxia, Rinoceronte ou Faktoría K traducen cada vez máis libros ao galego, ao tempo que as nosas obras saen ao mundo con máis facilidade.

Marcos S. Pérez - 17:45 30/09/2008

Nos últimos dous anos as traducións están a vivir un importante auxe en Galiza, tanto no seu número como no carácter ambicioso dos seus obxectivos, apostando por literaturas nunca antes traducidas ao galego unhas editoriais, publicando best sellers ao tempo que en castelán outras, ou completando as bibliotecas con autores imprescindíbeis que aínda non se podían ler na nosa lingua. A aposta pola tradución é xeral, cunha nómina de profesionais cada vez máis preparados, pero algunhas editoriais téñense distinguido particulamente pola seu interese por este campo. Son, por exemplo, Rinoceronte, Galaxia ou Faktoría K, que preparan numerosas novidades para os últimos meses do ano.

Rinoceronte: "O oco víase, o que non se vía é que fose rendíbel ocupalo"

"Había un oco, e todo o mundo víao, o que non se vía é que fose rendíbel ocupalo, e nós fixémolo, mesmo a pesar de partir en desvantaxe", di Moisés Barcia, director de Rinoceronte Editora, para quen o 'posíbel bo momento' da tradución en Galiza ten que ser "necesariamente relativizado", analizado en contexto coa situación do país, dos índices que lectura que ten Galiza, que só superan aos de Extremadura, e aquí con dúas linguas para repartir estes lectores. "Pero as editoriais están para asumir riscos e facer apostas, polo ben da lingua", conclúe Barcia.

Para Barcia “o verdadeiro impulso en Galicia produciuse hai un ano e pico, pero é importante que se manteña; se non permanece no tempo, é unha anécdota”. Rinoceronte é un reflexo desa situación: impactou na súa aparición, cunha selección de títulos orixinal, ocupando un oco no que outras empresas non se aventuraran, “e agora a editorial está estabilizada, consolidada, non foi unha moda pasaxeira”, salienta Barcia.

Rinoceronte foi dos primeiros en lanzarse de xeito tan decidido á tradución, un carreiro no que Galaxia ofreceu tamén moi boas propostas no último ano: “en certa forma ese carreiro abrímolo nós, e despois outros foron aproveitando esa especie de traballo de campo que fixemos. Para certas linguas non había moitos tradutores expertos, e a formación que tiveron con nós, serviulles despois á hora de traballar para outras editoriais”. Rinoceronte vén de publicar Kitchen de Banana Yoshimoto e Eu servín ao rei de Inglaterra, de Bohumil Hrabal, literatura xaponesa e checa para seguir abrindo guieiros; “hai moitas editoriais que non están enfocadas cara ás literaturas periféricas, pero nós temos un desexo de periferia”, di Barcia. Entre os próximos lanzamentos de Rinoceronte destaca Monte di Dio, do italiano Erri de Luca, e As leis fundamentais da estupidez humana, de Carlo M. Cipolla.

Galaxia: Un final de ano cheo de novidades
Galaxia é, sen dúbida, a editorial que con máis forza está apostando polas traducións, sobre todo co obxectivo de competir comercialmente coas edicións castelás dos lanzamentos máis populares e con máis atención mediática, coma os libros de Harry Potter ou o último de Paul Auster. Precisamente vén de chegar ás librarías Un home na escuridade, o mesmo que Tras do solpor, de Murakami, a primeira novela do autor xaponés traducida ao galego. En palabras de Carlos Lema, director de edicións, "é moi importante que estas obras, de autores en auxe, cheguen aos lectores galegos ao mesmo tempo que chegan nas principais linguas de Europa". En total, a editorial vai publicar este ano vinte novelas traducidas ao galego, unha aposta da editorial que foi referendada pola boa aceptación dos lectores.

Contra finais de outubro está previsto un dos lanzamentos máis agardados do ano. As flores do mal, o poemario de Baudelaire "que inaugura a modernidade", en palabras de Lema, publicarase en galego por vez primeira de xeito completo, despois das achegas parciais realizadas por, por exemplo, Xela Arias. Nesta edición bilingüe inclúense mesmo os poemas rexeitados na súa primeira edición (as crebas, na edición galega), ademais de varios textos inéditos. A tradución foi realizada por Gonzalo Navaza, nun traballo "excepcional", en palabras de Carlos Lema, que "respecta a rima e o ritmo en case todos os poemas".

En outubro tamén se publicará a tradución que Cunqueiro fixo dalgúns poemas de Hölderlin, e chegarán ás librarías galegas dous novos volumes de Harry Potter (A orde do Fénix e O Misterio do Príncipe), anteriores ao sétimo e definitivo libro da serie (Harry Potter e as reliquias da morte) publicado por Galaxia en febreiro, completando deste xeito a serie en galego. En novembro publicarase igualmente Istambul, a obra máis popular do nóbel Orhan Pamuk, do que tamén sairá en Galaxia a tradución de O museo da inocencia, editado en agosto en Turquía. Teremos así mesmo a versión galega de O caderno dourado, da tamén nóbel Doris Lessing. E nunha nova colección, realizada en colaboración coa Escola de Arte Dramática, verán a luz o Calígula de Camus, Mourning Becomes Electra de Eugene O'Neill e tres pezas dramáticas de Juan Mayorga.

Finalmente, en novembro chegará outra das apostas de Galaxia para este final de ano: a tradución ao galego de Sardinia Blues, unha novela escrita en sardo por Flavio Soriga, un autor aínda non traducido nas linguas máis próximas, e que pola súa maneira de narrar, moi fragmentaria e creando ambientes máis que xerando fíos narrativos, "pode empatar con algúns escritores de aquí", salienta Lema.

Faktoría K: O ano do neno do pixama a raias
Faktoría K tamén se distinguiu nos últimos tempos por dedicar moita atención ás traducións. E non lles foi nada mal, vendo as cifras de vendas dun dos libros de moda en 2008, O neno do pixama a raias, de John Boyne, que moi pronto terá a súa versión cinematográfica. Tamén destacou por publicar a primeira tradución ao galego de Lolita, ou por arriscarse a colocar nas librarías o Cuspirei sobre as vosas tumbas, de Boris Vian. Para os vindeiros meses preparan a edición en galego de A conxura dos necios, de John Kennedy Toole (traducido por Eva Almazán) e de Budapest, de Chico Buarque (realizada por Ramón Nicolás), ademais de continuar publicando en galego a obra de Bernardo Atxaga, e un conxunto moi interesantes de obras dirixidas ao público infantil.

Para Paz Castro, responsábel de comuniación da editorial, as traducións supoñen "normalización e xustiza, ao permitir ler en galego a autores que son imprescindíbeis, como Nabokov". Paz Castro destaca que a filosofía de Faktoría K é dupla: "cubrir o novo e ao tempo poñer outros autores no seu sitio", e valora moi especialmente os encontros que editoriais como a súa manteñen en feiras internacionais, coma a de Frankfurt, que comezará o día 15 de outubro, "alí atopámonos con editoriais, distribuidoras e autores cos que compartimos a mesma forma de entender a edición".

Rompendo barreiras: A literatura galega viaxa polo mundo
Pero tamén se traduce dende o galego cara a outras linguas. As últimas novelas de Manuel Rivas ou de Teresa Moure, por poñer dous exemplos, viaxan por Europa en holandés, italiano, francés ou polaco, con normalidade, e perdendo a categoría de fito histórico. O mesmo lle sucede, dende hai ben tempo, a Agustín Fernández Paz.

Para potenciar a distribución e o coñecemento dos autores galegos no resto do Estado, vén de crearse Auga Editora, a partir de Versátil Servizos Editoriais. O obxectivo é, a partir do 2009, difundir autores e obras galegas clásicas en Madrid, Valencia, Cataluña e Andalucía, rompendo a barreira que agora mesmo os separa deste público. Procúrase ademais, poñer en valor a literatura galega, facilitando a súa entrada, por exemplo, nas universidades españolas e hispanoamericanas.

Co mesmo obxectivo Espiral Maior creou en 2006 Spiralia para publicar ensaio e creación literaria galegas en castelán. Saíron nesta colección Feminismo y conocimiento, de Carme Adán, e Paz, guerra y violencia, de Luís G. Soto, e está prevista a edición dunha antoloxía de Lois Pereiro, nunca antes traducida ao castelán, así coma a de Manuel Rivas, que incluirá poemas inéditos e Códice Calixtino, de Luz Pozo Garza.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Editoriais como Galaxia, Rinoceronte ou Faktoría K traducen cada vez máis libros ao galego
Editoriais como Galaxia, Rinoceronte ou Faktoría K traducen cada vez máis libros ao galego