Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
Deportes de raqueta

Borja Golán fica segundo no Open de Francia de Squash

Destacou entre os grandes xogadores europeos, conseguindo o mellor resultado da súa carreira. Mentres, o seu equipo proclamábase campión continental.

Redacción - 10:50 30/09/2008
Golán a carón do francés Gregory Gaultier, sostendo a copa do Open de Francia

Golán a carón do francés Gregory Gaultier, sostendo a copa do Open de Francia

Durante toda a semana pasada e até o sábado disputouse en París o Open de Francia de Squash, un dos máis prestixiosos torneos desta especialidade, no que participaron os mellores xogadores europeos do momento, entre eles o xogador de Ames, Borja Golán (campión estatal e 23º do mundo).

Era o torneo da PSA (Asociación Profesional de Squash) máis importante da tempada que comeza, e nel xogaban estrelas como os franceses Gregory Gaultier (2º a nivel internacional) e Thierry Lincou (6º), e os británicos James Willstrop (3º) e Nick Matthew (8º).

Porén, o de Ames (Santiago) destacou dende o comezo e, en dous días eliminou tres xogadores de grande calidade, situados entre os 10 mellores do mundo neste deporte. En oitavos de final gañoulle ao inglés Jonathan Kemp; en cuartos ao francés Thierry Lincou (ex número un do mundo e campión mundial, actualmente sexto no ránking PSA), e en semifinais, ao inglés James Willstrop.


Chegar á final xa supuña un triunfo para Golán, xa que se enfrontaba ao subcampión do mundo e número dous da listaxe de mellores xogadores da PSA, o francés Gregory Gaultier. Neste partido Golán perdeu a concentración que mantivera nos anteriores duelos, mais conformouse co subcampionato, o que é, segundo conta, "sen dúbida o mellor resultado da miña carreira profesional". Ademais, mentres Borja Golán competía en Francia, o seu equipo da Liga Alemá, o Paderborn Squash Club, proclamábase campión de Europa por Clubes en Linz (Austria), após ter gañado en xuño a Copa da Bundesliga.


5/5 (2 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Imaxe do partido fronte a Gaultier
Imaxe do partido fronte a Gaultier
Borja Golán co seu equipo e coa copa da Bundesliga alemá (abaixo á esquerda, a carón da copa)
Borja Golán co seu equipo e coa copa da Bundesliga alemá (abaixo á esquerda, a carón da copa)