Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
VALORACIÓNS DO DESEMPREGO

"O preocupante é que a crise da construción se estende á industria e aos servizos"

Forzas sindicais e empresariais coinciden en sinalar que estes datos son malos e auguran que a tendencia negativa continuará nos vindeiros meses.

Isabel G.Couso - 14:10 02/10/2008

O desemprego continúa a aumentar nunha liña que nos depara 15 mil parados máis que hai un ano, uns datos que xa non sorprenden a ningún dos axentes sociais. O secretario de Emprego da UXT, Xosé Domingo Barros, dinos que as estatísticas son as agardadas e fala de preocupación no eido sindical ao confirmar que a construción non é xa o único sector afectado. Pola contra, a industria e os servizos revelan unha caída do emprego que chega até o 3,43% e o 2,52% respectivamente. Dende a CIG, o seu secretario confederal de Emprego, Manuel Currás, asegura que nos vindeiros meses "temos que agardar o peor" e alerta deste comportamento do sector industrial: "se ben unha subida do paro en servizos podería esperarse ao remate da campaña estival, a industria era un dos sectores que estaba a tirar da nosa economía". No mesmo sentido se manifesta Eusebio Justo, secretario de Emprego de Comisións Obreiras, quen di que este é un dato novidoso e que demostra o "arrastre do desemprego a outros sectores diferentes ao do ladrillo".

Asemade, as tres forzas sindicais coinciden en subliñar que a crise da construción si está a afectar a Galiza, se ben as estatísticas non reflicten en boa parte esa afección, por mor de que a meirande parte dos traballadores proceden de Portugal. "Hai entre unhas 10 e 15 mil persoas que viñan traballar na construción e que agora xa non veñen; o feito de que non aparezan nas listaxes do Estado Español é unha forma de maquillaxe de datos, pero non debemos ser alleos a esta realidade", di Justo (CCOO).

Outro dato negativo no que temos que reparar, segundo CCOO, é no mal comportamento que acadan as contratacións: "estanse facendo menos contratos indefinidos (baixaron un 1,25%) que os que rexistra de media o Estado". Isto, unido á redución de afiliados á Seguridade Social (nove mil persoas menos) fai prever unha perigosa evolución do noso tecido laboral. Doutra banda, e na parte positiva, Currás (CIG) destaca o bo comportamento de sectores que seguen a tirar forte da nosa economía, como o metal, o téxtil ou a pesca non extractiva.

Solucións para minimizar o desemprego
Os tres sindicatos propoñen alternativas para buscar unha saída ao difícil momento laboral no que nos atopamos. Dunha banda piden a intervención inmediata das administracións: "a Xunta non pode quedar de brazos cruzados, senón que urxe o impulso do conxunto de medidas de dinamización expostas no Acordo pola competitividade de Galiza", di Barros (UXT). Para CCOO o fundamental agora é tomar dous tipos de accións: dunha banda dirixir os esforzos da administración á compensar economicamente aos desempregados, e doutra banda arbitrar formas para progresar na recualificación dos traballadores de cara á súa reinserción. Mentres, a CIG exixe unha aposta clara pola tecnoloxía e a innovación, e abandonar un modelo produtivo baseado na especulación. Neste sentido, Currás (CIG) tamén avoga pola reactivación e avance dos Plans Xerais de Ordenación Municipal que están paralizados para poder amortecer este golpe.

Visión empresarial
Da necesidade de mudar de modelo fala tamén Benigno Pereira, presidente da Rede Galega de Empresas, quen lamenta que os empresarios non poidan actualmente xerar emprego por mor das restricións de acceso ao crédito: "estamos a pagar xustos por pecadores; agora non podes nin case manter aos traballadores que tes, mentres non volva a confianza ao sector financeiro". É un problema derivado da especulación e da burbulla financeira e inmobiliaria dos últimos tempos e Pereira dirixe as súas exixencias cara os poderes públicos: "os responsábeis son os que nos teñen de sacar deste círculo vicioso, mentres non se lle de a volta ao sistema seguiremos igual". Neste sentido, o empresario fala da necesidade de "crear unha nova orde económica que non estea baseada na especulación, senón no valor real das cousas".


Ligazóns

5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: