Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ASASINADOS EN 1936

Recuperan seis corpos na foxa de Quiroga, onde seguirán os traballos

O equipo regresará a Cereixido para escavar dúas foxas máis e, nos vindeiros meses, haberá novas exhumacións en Xeve (Pontevedra) e Mondoñedo.

Redacción - 17:15 07/10/2008

Os traballos que a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica levou a cabo en Cereixido (Quiroga) entre o venres e o domingo deron os froitos esperados. Recuperáronse os seis corpos que se buscaban. Germán Fernández Prado, José Díaz López, Constantino Rivero, Manuel Pérez Losada, Ovidio e Aureliano Rodríguez López eran labregos da Rúa e de Vilamartín de Valdeorras, que en 1936 botáronse ao monte e fuxiron até Cereixido, en Quiroga, un lugar de difícil acceso. Polo que parece, agacháronse nun palleiro ao que os falanxistas plantaron lume. Os que non morreron no acto foron caendo aos poucos, rematados polos militantes fascistas. Os seus corpos foron depositados no atrio da igrexa, fóra do cemiterio parroquial.

Santiago Macías, vicepresidente da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, anunciou que o equipo de arqueólogos e voluntarios regresarán a Quiroga para exhumar os cadáveres doutras tres persoas. Na foxa apareceron tamén outros ósos, moi mesturados (tanto que daba a impresión que foran removidos), que deberán ser analizados para realizar a súa identificación.

Aínda que nun principio os veciños do lugar amosaran o seu malestar polos traballos que a Asociación ía realizar, unha vez que comprobaron que non se ía exhumar ningún corpo dentro do cemiterio parroquial, a súa actitude foi amigábel; "só lles faltou tomar con nós o café", comenta Santiago Macías.

Nos vindeiros meses a Asociación realizará novos traballos de exhumación en Galiza, en concreto en Xeve (Pontevedra) e Mondoñedo. Porén, parece que non comezarán até os primeiros meses de 2009, pendentes da concesión de todos os permisos pertinentes.


4,43/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: