Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ANIMACAM, DENDE SANDIÁS

Nace o primeiro festival galego de animación online

No certame, de carácter internacional, participan ao redor de 160 traballos. O gañador coñecerase o 21 de decembro.

M.S.P. - 09:15 09/10/2008

Sandiás é unha medida do mundo. A rede permite que dende un recuncho do final do continente europeo se poida organizar un festival que pelexe por un lugar entre os certames de referencia. Limaia Produccions montou este ano un festival internacional de filmes de animación que vén de pechar o prazo de recepción de traballos. En total son 160 pezas de distinto formato e duración, que poderán verse na páxina do evento até o 1 de decembro.

O 21 de Nadal daránse a coñecer os gañadores, unha decisión na que os internautas teñen moito que dicir, pois seis dos once premios son concedidos polos votos dos espectadores online. Nesta primeira edición ten como fío condutor o Camiño de Santiago (por Sandiás pasa a Ruta da Prata), partindo de que tanto o cinema como o Camiño se basean no movemento.

O Festival naceu para ser punto de encontro entre público e profesionais da animación."Nós estamos nunha aldea, quero dicir que non estamos no centro de nada, a produtora non ten como sede Madrid, nin Santiago, e polo tanto a rede é unha oportunidade que temos para conformar un punto de encontro", di Xosé Luís Carneiro, responsábel do festival e de Limaia Producións.

Este festival fai parte dun proxecto máis ambicioso polo que os seus organizadores pretenden crear unha comunidade para os profesionais de animación do mundo que, a día de hoxe, xa ten rexistrados os datos de contacto de 50.000 persoas do sector, "comezamos a traballar en 2005, e dende entón teñen colaborado neste proxecto, nas súas distintas etapas, ao redor de vinte persoas, e conseguimos facer unha base de datos moi importante, non só do mundo da animación, senón de todo o audiovisual", salienta Carneiro.

Carneiro manifesta a súa satisfacción pola resposta recibida: "en tres meses chegaron 160 filmes de 26 países distintos; a páxina recibiu máis de corenta mil visitas, e esperamos superar as cen mil, cun ritmo actual de case 1500 visitas diarias", e xa prepara a segunda edición do festival.

Once categorías, 22 mil euros en premios
As categorías nas que compiten os filmes son, no caso dos outorgados por votación popular, Spot publicitario, Curtametraxe, Piloto para Serie de TV, Animación para teléfonos móbiles, Piloto para Videoxogo e Animación retrospectiva, cada premio dotado con dous mil euros de premio. Coa mesma cantidade se recoñecerá aos gañadores dos galardóns outorgados polo xurado: Campus Stellae (temáticas relacionadas co Camiño de Santiago), Campus Terrae (temática medioambiental), Campus Aquae (temática referida á importancia da auga para a humanidade), Galicia Natural (temática tocante á alimentación e á saúde), e Anímate a ler (Premio concedido á mellor película de animación realizada sobre unha adaptación literaria infantil ou xuvenil).


4/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: