Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
ALMUDENA JANEIRO, AUTORA DE 'CONTOS EN CANTOS'

"A educación musical vai moito máis aló das notas: os rapaces teñen que se afacer a escoitar de todo"

Oqo e Pai Música editan a obra: un libro+CD+DVD que repasa os mellores libros da editorial a través de doce cancións.

Marcos S. Pérez - 11:59 19/10/2008

'Contos en Cantos' é unha obra para ler, mirar, escoitar e cantar. Froito do traballo colectivo de Oqo editora (inclúe ilustracións e as historias de doce dos seus últimos contos), Pai Música (que se encargou da gravación das cancións) e sobre todo Almudena Janeiro, que tivo a idea do proxecto e desenvolveuno pola súa conta, para ofrecerllo despois á editorial. As cancións, compostas e cantadas por Janeiro, recrean libremente as historias dos libros, cunha gran variedade de estilos e cun resultado moi orixinal de gran calidade. O libro inclúe tamén un DVD con vídeos e karaoke para cada unha das doce cancións do disco.

Paco Papán

Chocolata

Como nace o proxecto?

Eu son profesora de música, e hai uns meses descubrín os libros de Oqo, que son marabillosos. E pola miña conta empecei a traballar sobre eles, compoñendo cancións a partir dos contos, inventando letras tamén. E cando tiña cinco temas, graveinos e leveille a maqueta á xente da editorial. E gustoulles, gustáronlles sobre todo as posibilidades didácticas que podían ofrecer as cancións e o feito de que funcionasen como un complemento dos libros, indo máis aló do simple conto.

A súa primeira reacción debeu ser de gran sorpresa, non si? Non debe ser moi habitual que alguén lles presente unha iniciativa así...

Houbo moi bo entendemento dende o primeiro momento. Coincidimos na maneira en que vemos o ensino e a aprendizaxe dos rapaces. Gústanme especialmente os libros de Oqo porque tratan os nenos dende unha perspectiva moi seria, sen consideralos inferiores, e coidan moito os detalles nos libros que publican.

Nas cancións inflúe moito a túa condición de mestra de música en educación infantil?
Si, claro. En realidade o disco é unha resposta a moitas preocupación que eu teño á hora de darlles unha educación musical aos nenos. A educación musical vai moito máis aló das notas, ten que ser moito máis global. Creo que os rapaces dende moi pequenos teñen que afacerse a escoitar todo tipo de ritmos, e por iso no disco hai bossa nova, sons de sirtaki, tangos..., sempre acorde cos temas dos contos ou a procedencia dos autores. En xeral, cando se fai música para os nenos en Galiza téndese a tirar unicamente cara á música tradicional.

En que cres que debe mellorar a educación musical infantil?
A música é moi grande, e debe ir máis aló dos ritmos de Galiza ou dos ritmos tradicionais. E debe facerse todo tipo de música para os nenos, con completa normalidade, debe ser normal cantar un tango ou calquera outro ritmo. Hoxendía os nenos, dende moi pequenos, cantan todo tipo de cancións, de adultos, moitas moi difíciles. Así que poden aprender de todo.

Probaches xa o disco e o karaoke cos teus alumnos? Gustoulles?
Siiiii! Estivo moi ben. O bo que ten este libro é que cada un pode darlles o uso que queira. Serve como libro, e está moi ben para promocionar a lectura, pódese cantar con el, aprender os retrousos, facer xogos de xestos coas cancións... Cada un pode facer o que queira.


4,17/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Almudena Janeiro, cantando 'Chocolata'

Vídeo de 'Paco Papán'

Almudena Janeiro
Almudena Janeiro