Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
PRESENTADA UNHA EDICIÓN FACSÍMIL NO CCG

Douscentos anos dos primeiros xornais galegos

O Consello da Cultura presenta unha coidada edición dos cinco primeiros diarios editados no país en 1808 e 1809.

Marcos S. Pérez - 17:00 14/10/2008

Son mais de dúas mil páxinas, distribuídas en catro volumes que inclúen estudos críticos e as edicións facsimilares de Diario de Santiago, do Apéndice al Primitivo Diario de Santiago, Gazeta de la Coruña, Telégrafo Político y Literario de la Coruña e Diario de la Coruña. O traballo de localización e edición dos cinco títulos analizados foi realizado pola profesora, escritora e técnica do Consello da Cultura, Rosa Aneiros coa colaboración de Xosé Ramón Barreiro. Este proxecto editorial, coordinado por Xosé López, continúa a liña de traballo iniciada no ano 2000 polo Consello da Cultura Galega coa edición facsimilar do primeiro fito do xornalismo en Galiza: El Catón Compostelano (1800).

O presidente do Consello da Cultura, Ramón Villares, destacou o carácter "singular" da obra, referíndose á colaboración que se produciu entre a institución e outras, como a Real Academia e a Secretaría Xeral de Comunicación. Defendeu, así mesmo, a importancia do estudo como obra "útil", "non só para servir de ornato". Neste ano comezan os actos que conmemoran o bicentenario da guerra contra o francés, o conflito que trouxo á Península Ibérica a modernidade e o liberalismo. Por este motivo esta obra chega no momento xusto para axudar a coñecer o momento en que Galiza comeza a construírse como sociedade moderna, e no que podemos recoñecer o nacemento das primeiras manifestacións da opinión pública.

Xosé Ramón Barreiro, presidente da RAG, destacou que por vez primeira Galiza "estivo atenta aos acontecementos, a non perder o tren". O 10 de maio as tropas francesas entraban na Coruña, e apenas vinte días despois nacía o Diario de Santiago, e noutros vinte días o Diario de la Coruña, que no seu primeiro número comezaba dicindo "Este público esperaba con impaciencia o diario...". Pouco despois engadiuse a esta lista Gazeta de La Coruña e o Telégrafo. Nacía a opinión pública, e nacía con forza en Galiza, onde entre 1808 e 1815 houbo 43 cabeceiras de prensa, unha cifra só superada polas nacidas en Madrid e Cádiz.

Hai moitos aspectos paradoxais nestas primeiras cabeceiras, como lembrou o Secretario Xeral de Comunicación, Fernando Salgado. O primeiro é o maioritario analfabetismo da sociedade, que non impedía o nacemento e influencia dos escritos, máis reproducidos verbalmente que lidos. O segundo, quizais, é que moitos destes xornais fosen promovidos por persoas de marcada ideoloxía liberal, e que loitaron contra o ocupante francés, cando as tropas de Napoleón estaban estendendo polo continente esas mesmas ideas liberais. Para completar o paradoxo, moitos destes liberais, como Manuel Pardo de Andrade, creador do Diario de La Coruña, foron detidos ou tiveron que se exiliar unha vez que Fernando VII accedeu ao poder en 1814. Salgado destacou que a lectura destas primeiras experiencias xornalísticas en Galiza amosa xa "a complexidade nas relacións entre poder e medios de comunicación".

A campaña informativa foi un dos eixos estratéxicos de Napoleón para conseguir o apoio da poboación. Vencer a guerra nos papeis públicos parecíalle tan crucial como triunfar no campo de batalla e a administración francesa creou os seus propios medios de comunicación, algúns cos mesmos nomes que os xornais orixinais, como a Gazeta de la Coruña. Nunha comunicación enviada a Bessières, Napoleón esixiulle a distribución de propaganda en Galiza: "Dis que os panfletos non serven para nada en España; iso son contos. Os españois son coma os demais pobos e non forman unha clase aparte. Reparte en Galicia e os seus arredores os escritos que enviei".


5/5 (8 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: