Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
'O DEMO NA LITERATURA ORAL GALEGA'

O diaño sempre está aí

Lugo acolle as xornadas, que ao longo do día repasarán a presenza do demo nos contos e historias populares.

Redacción - 11:34 17/10/2008

O demo sempre estivo presente nas historias contadas no calor da lareira. Non só en Galiza, senón que o escuro, o descoñecido, é protagonista de moitos relatos das tradicións literarias de todo o planeta. Hai quen di que o demo morreu en Galiza ao chegar a luz eléctrica ás aldeas máis rurais, pero o demo sempre estivo aí.

As xornadas, coordinadas por Isidro Novo e Antonio Reigosa e organizadas pola Asociación de Escritores en Lingua Galega, contarán con catro expertos, que ofrecerán cadansúa ponencia: José Manuel Pedrosa ("Deus e o demo na literatura de tradición oral"), Xosé Miranda ("Casos de posesión diabólica en Galicia"), Félix Castro Vicente ("Libros do demo, grimorios e ciprianillos") e Peter Missler ("O poder do demo sobre o tesouro escondido"). Haberá tamén dúas mesas redondas, sobre A figura do demo na literatura oral tradicional e sobre Os libros do demo.

José Manuel Pedrosa, que abre as xornadas, é un dos meirandes expertos na literatura europea de tradición oral e na antropoloxía cultural. Peter Missler é un experto no Ciprianillo, como demostrou no triplo volume Tradición e parodia no millonario de San Cipriano, primeiro receitario impreso para buscar tesouros en Galiza (as fondas raíces do Ciprianillo). Pola súa banda, Xosé Miranda é autor dun inxente número de contos de medo: Triloxía pánica (Xerais 2000) e As mans do medo (Xerais 2007). Tamén é coautor xunto con Antonio Reigosa e Xoán Ramiro Cuba do Diccionario dos seres míticos galegos (Xerais 1998) e dos vinte volumes dos contos da colección Cabalo Buligán (Xerais 1998-2003) recollidos da tradición oral.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: