Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
CRÓNICA DENDE FRANKFURT

Andan libros en galego polo mundo

Diego Alfonsín Rivero repasa as súas impresións sobre a Feira, o meirande mercado editorial do planeta, pero "o peor lugar do mundo para comprar un libro".

Diego Alfonsin Rivero - 11:00 20/10/2008

Os libros galegos andan soltos polo mundo adiante. Rodeados dunha especie de aura virxinal sacan peito no stand da Feira de Frankfurt que acaba, entre milleiros de libros chegados de todos os recunchos, dende pequenas editoriais dirixidas por pálidas monxas de cándidos sorrisos até as portadas máis eróticas do mundo homosexual. Para o visitante que chega por vez primeira á Feira, este lugar mudará para sempre a súa visión do mundo do libro.

Eses obxectos de letra impresa que teñen cheiro e nome e que saboreamos no autobús, no tren, no sofá da casa, no silencio da biblioteca, na intimidade das dunas dunha praia, na soidade do mundo, e que gardamos e coidamos como a fillos, de súpeto descubrimos que teñen unha vida secreta, xa non son máis ese prezado feixe de follas compactas que coma quen acaricia unha lámpada máxica nos van sorprendendo coas súas visións fumegantes.

A vida secreta das palabras, o lado escuro da lúa da folla en branco, os canos subterráneos por onde se moven as cifras e os dereitos de autor teñen a súa esencia en lugares como Frankfurt. Un corpo durmido abrazado a un libro na escuridade da noite non ten sentido neste lugar. A Feira do Libro de Frankfurt é o peor lugar do mundo para comprar un libro. Poderíamos dicir que o inferno do libro está aquí. Así e todo, aquí está o seu presente e mailo seu futuro, a súa supervivencia, a súa arquitectura, o seu particular Wall Street. O cerne editorial amósase aquí e aquí se enchen talonarios e se executan traizóns.

Editores, axentes, autores
Polos corredores da Feira camiñan verdadeiros magnates da letra impresa como o enigmático Andrew Wylie e a súa implacable e fría ollada. Carmen Balcells, a mítica axente de escritores como Gabriel García Márquez ou Mario Vargas-Llosa, non vén, pero está a axencia que leva o seu nome e ela é coma unha eminente presenza ausente. Tamén atopamos a xente como Manuel Bragado, director de Xerais, que coa súa ollada de adolescente vencido e os seus pasos calmos esculca cada recuncho lentamente. E entre eles, veloz e eléctrico, un pequeno heroe da nosa edición: Moisés Barcia, director de Rinoceronte Editora, que brevemente comenta como se enfronta el cos donos dos escritores, porque os escritores tamén teñen donos e as súas palabras tamén teñen prezo.

Explica Moisés que el, á parte de mostrar o normal interese por un autor, ten que lle contar á persoa que posúe os seus dereitos que el vén dun país pequeno chamado Galiza, onde editar libros en galego é unha cousa diferente. Non podo evitar imaxinar a Moisés contándolle á persoa que ten diante que somos poucos, que temos moita competencia, que o noso é particular, que Galicia is different.

O libro move diñeiro
Non paga a pena despregar porcentaxes de venda, de lectura, de compra de dereitos, de caducidade de contratos, de esculcas secretas, de espías de libros, porque para o que chega por primeira vez á Feira iso queda claro cunha simple ollada: aquí hai algo grande e descoñecido. Nos xigantescos edificios da Feira do Libro de Frankfurt un pode ver que o libro move moito diñeiro, que aquel libriño que temos na casa como ouro no pano, o noso prezado tesouro con alma de tinta, ten unha vida secreta por tras que cando chegamos a este lugar se nos revela carente de maxia.

Con todo, esta parte do proceso de elaboración do libro tamén ten o seu encanto e pola feira podemos falar con editores verdadeiramente namorados do seu oficio. Só con pensar que existen persoas con perfil de verdadeiro espía soviético, que cobran salarios que superan os 100.000 euros ao ano por andar por New York adiante, ou polas ruelas de París, de cheiróns á procura das tendencias do éxito, un acaba por pensar que as tramas dos libros acabaron por se apoderar daqueles que os fabrican. Talvez se trate dun efecto literario ou dun contaxio.

Mais o certo é que o mecanismo que vai dende a primeira liña escrita por un escritor inédito dende a miseria da súa soidade poboada de fantasías, ata o éxito de vendas, existen camiños, conversas, procesos, contratos, cifras, intereses e mecanismos que dende a nosa ollada de visitantes inexpertos non deixa de ser un misterio con tanto encanto como o propio libro.

E claro, non podo evitar dicir que alí, entre os grandes, no seu stand, o libro galego tamén ten algo que dicir no mundo. Quizais pouco polo de agora, pero de seguro que algún día os nosos camións chegarán a Frankfurt nunha fría madrugada e con puntualidade alemá grises obreiros comezaran a carrexar libros en galego para encher o stand da cultura convidada. Cómpre que se diga que no país onde se organiza esta feira, Alemaña, existen cinco universidades onde se imparten clases de galego e en cuxas paredes hai centos de libros na nosa lingua. Andan libros en galego polo mundo. Pero hai que levalos, mostralos, explicalos e procurarlles un fogar digno. Meréceno. Son unha parte de nós.

Descarga aquí a antoloxía 'Telling stories from Galicia', presentada en Frankfurt (.pdf)


Descarga a revista Galician Books (.pdf)


4,65/5 (20 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: