Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
MÚSICA E TEATRO NO CAMPUS

Comeza o outono cultural na Universidade de Vigo

Facto Delafé, Mishima ou Manos de Topo destacan na axenda musical da cidade, que o 27 de novembro acollerá o ansiado debut en Galiza de Antònia Font.

Redacción - 12:08 22/10/2008

A programación cultural da Universidade de Vigo para o primeiro cuadrimestre caracterízase pola aposta pola vangarda musical e teatral. O programa abrirase o xoves 23 coa actuación no Teatro Vidal Bolaño dos cataláns Facto Delafé y Las Flores Azules, a medio camiño entre o pop e o hip-hop, e con dous discos publicados: El monstruo de las ramblas e La Luz de la Mañana

E a música continuará no mesmo escenario o vindeiro 5 de novembro, co primeiro concerto do Ciclo Sonora 08, que correrá a cargo da banda norteamericana The Strugglers, que está a presentar The Latest Rights, o seu último disco; previamente proxectarase o documental Neil Young: Heart of Gold.

O 12 de novembro os protagonistas serán Mishima e Manos de Topo. Mishima naceu en 1999, con dous discos en inglés Lipstick Traces (2000), e The Fall Of Public Man (2003), moi influenciados polo pop elegante e luminoso de Arab Strap, The Magnetic Fields ou The Divine Comedy. Malia o éxito e o recoñecemento da crítica, foi o seu terceiro álbum, xa en catalán, Trucar a Casa. Recollir Les Fotos. Pagar la Multa, o que disparou a súa popularidade. O pasado ano editaron Set Tota la Vida, quizais a súa obra máis redonda. Manos de Topo tamén chegan dende Cataluña, aínda que teñen dous compoñentes galegos na súa formación e cantan en catelán. Cun estilo moi particular, letras surrealistas, e unha voz orixinal, amada por uns e odiada por outros, sorprenderon na escena indie do Estado en 2007 con Ortopedias Bonitas, un disco inzado de cancións de amor desesperadas e delirantes.

Os concertos pecharanse o 17 de decembro co tradicional concerto de Nadal do campus vigués, no que Milladoiro estarán acompañados no escenario por Mafalda Arnauth, unha das mellores fadistas do momento, así como outros convidados sorpresa.

Teatro no campus
Cun cartel plagado de estreas, a programación teatral dará comezo o próximo 30 de outubro da man de Nut Teatro que interpretará a súa obra A Mirada de Pier. Dame Veleno (Sarabela Teatro), unha peza para gozar das sorprendentes sensacións que nos invaden cando non sabemos o que nos espera detrás dunha porta, chegará ao escenario do Teatro Vidal Bolaño o 19 de novembro. O 3 de decembro terá lugar a última representación teatral, nesta ocasión da man dos internacionais Yllana que regresan con Brokers, unha peza que retrata o mundo das finanzas.

Antonia Font, en Vigo o 27 de novembro
Antonia Font son o grupo en activo máis importante da música catalana. Procedentes de Baleares e con seis discos editados, son un fenómeno en todos os Países Cataláns. A orixinalidade da súa música e as súas letras, intelixentes e profundas, fixeron que a fama da banda superase a barreira lingüística, converténdose nos últimos anos nun grupo moi seguido en toda a escena independente do Estado. Porén, nunca até o de agora actuaran en Galiza.

O 27 de novembro estarán na Fábrica de Chocolate, en Vigo, dentro dunha xira na que tamén visitarán Euskadi por primeira vez, ademais de Madrid e Málaga. Despois de publicar Antònia Font (1999), A Rússia (2001), Alegria (2002), Taxi (2004) e Batiscafo Katiuscas (2006), o pasado ano editaron o recompilatorio Coser i Cantar, gravado coa Orquestra Sinfónica de Bratislava. En xullo de 2008 foron recoñecidos co Premio Nacional de Música de Cataluña. Joan Miquel Oliver é o guitarrista e compositor do grupo, e vén de presentar a súa primeira novela, que xerou unha grande expectación.


4,5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



'Alegria', de Antònia Font

'Un tros de fang', de Mishima

'Es Feo', de Manos de Topo