Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Presupostos Xerais do Estado

O BNG apoia os PXE "por responsabilidade" e "por ser útiles" para o país

Jorquera defende a postura dos nacionalistas no Congreso. Quintana di que "o acordo é tamén positivo para a nosa autoestima".

Redacción - 13:00 22/10/2008

Os deputados do BNG no Congreso apoian os Presupostos Xerais do Estado (PXE) para 2009 "por responsabilidade" e "por ser útiles para Galiza despois do acordo acadado entre o BNG e o goberno". Así o explicou o portavoz nacionalista na Cámara Baixa, Francisco Jorquera, durante a súa intervención na sesión plenaria desta cuarta feira en Madrid.

No entanto durante o debate, iniciado este martes á tarde, o parlamentario recoñeceu que entende e comparte algúns dos argumentos das emendas á totalidade presentados por outros grupos. Criticou tamén a contrariedade de aprobar uns orzamentos austeros á vez que se poñen en marcha dous decretos de axuda ao sistema financeiro, que mobilizarán 150 mil millóns de euros.

Jorquera subliñou neste senso que "fronte ás teses que preconizan a austeridade nun contexto de crise, pensamos que a actual situación económica exixe unha aposta decidida polo investimento público". Unha tese na liña do último Premio Nobel de Economía, Paul Krugman, que destaca a importancia da política orzamentaria para frear a ameza da recesión, apuntou o nacionalista.

O voceiro do BNG -que interviu logo de o facer o responsábel de Economía do PNV no Congreso, Pedro Azpiazu- fixo tamén alusión á posición dual do PP: "É curioso que aqueles que en Madrid nos acusan de obter un trato de favor para Galiza, critícannos no país por non termos sido aínda máis exixentes".

Ademais, en declaracións aos medios momentos antes da súa intervención no debate, Jorquera afirmou que "a negociación que encarreiramos co PSOE vaise traducir en que van ser os Presupostos co investimento maior no noso territorio en toda a historia". Ao respecto, o ministro español de Economía, na súa intervención posterior, agradeceulle ao BNG o seu apoio e afirmou que "continuaremos a traballar xuntos como na última lexislatura".

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, nunha entrevista na emisora de radio española Cadena Ser, destacou que "o acordo para os orzamentos é tamén positivo para a nosa autoestima".


4,33/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: