Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONXUNTURA ECONÓMICA

As relacións comerciais entre Galiza e Portugal reséntense pola crise

A economía portuguesa iniciou unha desaceleración do crecemento do seu PIB no primeiro semestre de 2008, un contexto que afecta ao seu comercio exterior.

Isabel G.Couso - 13:00 27/10/2008

Que a crise ten escala mundial é unha cuestión que non se lle escapa a ninguén. Dende Estados Unidos até Europa, os países viven inmersos nun labirinto financeiro sen saída que xa atrapou, en diferente medida, a todos os países. Portugal non é alleo a esta realidade: despois dun período de malos resultados económicos, o crecemento do seu PIB recuperárase, chegando a medrar un 1,9% en 2007. Con todo, a situación económica portuguesa amosa signos de desaceleración en 2008, con previsións de que se acentúe a tendencia no 2009.

Este é un problema que preocupa tamén en Galiza, onde as relacións comerciais co empresariado portugués son un interese á alza. Así o demostra o informe que ven de presentar a Confederación de Empresarios de Pontevedra (CEP) sobre a conxuntura de Pontevedra e a Euro Rexión Galiza – Norte de Portugal. Segundo os seus datos, a porcentaxe de empresas que realiza vendas naquel país segue diminuíndo, así como a porcentaxe que representan esas vendas sobre o total. O 46% das compañías pontevedresas manifestan na enquisa da CEP que realizan vendas en Portugal, e que estas supoñen un 8% sobre o valor total. Ademais, o 59% das organizacións empresariais do Norte de Portugal venden no Estado Español, o que representa un 21% da súa facturación. Porén, este 59% actual é inferior ás últimas cifras, correspondentes a semestres anteriores, cando acadaban o 61% ou o 62%. No caso das compras, seguen unha evolución parella. A porcentaxe de compañías que afirma realizar compras en Portugal diminuíu (son hoxe o 33% das organizacións empresariais de Pontevedra), ao igual que baixou a inversión portuguesa no Estado Español (o 43% das empresas).

Situación portuguesa
As perspectivas para a economía para o período 2008 – 2009 caracterízanse por un baixo crecemento da actividade, nun contexto de deterioro no entorno económico e nas finanzas internacionais. A debilidade da demanda, que recortou os pedidos, e a contratación das exportacións, así como as dificultades de financiamento atópanse entre os factores que, ao entender dos empresarios, dificultan unha recuperación.

En canto ás consecuencias da crise no ámbito estritamente laboral, un 14% das compañías declaran ter reducido o seu número de traballadores, un 43% di que incrementou o seu cadro de persoal e outro 43% asegura que o mantivo invariábel. Finalmente, a maioría das empresas declaran o aumento dos seus custes: sinalan o incremento nos prezos das materias primas e o incremento dos gastos financeiros e laborais.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: