Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Fin da coalición PSdeG-EU

Irisarri, outra pedra no zapato de Touriño

O conflito en Ferrol chega en plena crise económica, no medio de denuncias de "desbaldimento" contra a Presidencia e a poucos meses das eleccións.

Fernando Arrizado - 18:15 28/10/2008

Vicente Irisarri confirmaba este martes o que xa o luns pola noite se daba por seguro. Ou quizais antes. Logo de que Esquerda Unida non apoiase o PSdeG para sacar adiante a Lei de Grandes Cidades -que lle daría máis poderes ao alcalde e facilitaría o goberno en solitario- a rotura da coalición era cuestión de horas, tal e como advertira días antes o propio rexedor.

A decisión non senta ben en determinados sectores do partido. Aínda que pouco antes de se coñecer publicamente, a secretaria de Organización do PSdeG, Mar Barcón, manifestaba o apoio da dirección do partido á determinación do alcalde, fose cal for, o certo é que na Executiva Nacional hai certo malestar pola actitude "personalista" de Irisarri, sobre todo nos últimos días.

Segundo un membro do PSdeG con responsabilidade municipal na comarca "houbo voces críticas" en Compostela polo tema do salario, de 73 mil euros anuais brutos, mais aclara que foron as menos. "A maioría defenden a postura de valentía de Irisarri, e que lle gusta gobernar de forma moi personalista no vén de novo", sinala.

Argumentan no seo do PSdeG, segundo esta fonte, que "os cargos da esquerda, ao contrario que os do PPdeG, son traballadores que non se poden permitir o luxo de deixar de ingresar durante catro anos" unha determinada cantidade de cartos. No entanto, afirma, estes mesmos membros da Executiva Nacional consideran "un erro" o xeito en que se lle explicou á cidadanía esta cuestión, tendo en conta "a oposición popular e as enquisas".

Proba disto é que na mesma conferencia de prensa en que Irisarri informaba da fin do acordo de goberno, tamén anunciaba que a partir do Día de Defuntos pasaría a cobrar un 10% menos (os seus concelleiros, un 5% menos). "Non queremos que ninguén diga que viñemos aquí a enriquecernos", dixo.

Certamente, a situación non podía coincidir peor no tempo nin no espazo para os socialistas galegos. Este mesmo sábado en Vigo e coa presenza do ministro de Traballo, Celestino Corbacho, o Consello de Política Municipal do PSOE aprobaba unha resolución propoñendo varias medidas para afrontar a crise dende os concellos; entre outras: plans de austeridade e contención de gasto público, conxelación de soldos e dietas e freo ás partidas para publicidade e propaganda.

Ademais, Emilio Pérez Touriño colecciona varias denuncias da oposición por "desbaldimento" nas últimas semanas. O PPdeG acusábao este luns de gastar dous millóns de euros en remodelar o seu despacho de San Caetano. Antes, foi obxecto das críticas dos populares polo parque automobilístico da Presidencia, supostamente moi extenso. E todo isto chégalle a Touriño, xunto cun PSdeG en Ferrol que se terá que apoiar na dereita -como en Lugo- para poder gobernar, a poucos meses das eleccións máis decisivas para o seu futuro político.


4,13/5 (16 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: