Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Críticas á privatización de servizos

O Sergas cobrará as peticións telefónicas de cita médica

Denuncian que persoal alleo aos centros médicos teña acceso a datos das tarxetas sanitarias e que sexa o paciente quen teña que incorrer nun gasto ao pedir cita nun teléfono 902.

Redacción - 18:45 29/10/2008

"Pedir cita será máis doado a partir de agora". Así anunciaba a comezos de mes a conselleira de Sanidade, María Xosé Rubio, o novo servizo Saúde en liña, que centraliza a cita previa de todos os centros de saúde de Galiza e que se marca como obxectivo a axilización destes trámites co Sergas. O teléfono en cuestión é o 902 007 333, un número que a Xunta de Galiza está a publicitar por diferentes medios.

Este servizo de citacións foi concedido mediante concurso a unha empresa privada, encargada de dar resposta ás solicitudes telefónicas para o persoal médico e de enfermaría de Atención Primaria. Este é o primeiro atranco que atopa a CIG-Saúde para apoiar a medida: "as privatizacións reverten nas condicións laborais do persoal e na calidade asistencial que reciben os usuarios", di María Xosé Abuín, secretaria xeral. Esta externalización "impide aos que están en lista de contratación do Sergas acceder ao emprego, cando sería o máis lóxico que fora o persoal do Servizo Galego de Saúde quen asumise este traballo". Segundo a CIG, o único que se consegue con esta privatización é "abaratar custes no canto de primar a calidade".

O paciente asume o gasto
Doutra banda, denuncian que chamar a este novo número, un 902, ten aparellado un custe que ten que asumir o usuario (o gasto que supón chamar a teléfonos con este prefixo é o mesmo ca o dunha chamada interprovincial, porén a aqueles que teñen unha tarifa plana engádeselle un custe que poderían terse aforrado chamando a un prefixo convencional). Ademais, a CIG denuncia que a Consellaría de Sanidade non está a publicitar os números aos que están asociados este 902. Así, informan que o teléfono asignado a Ourense é o 988 39 83 50; en Pontevedra, 986 80 63 50; en Lugo, 982 26 98 93 e na Coruña o 981 95 29 50.

Outras denuncias
Doutra banda, tamén denuncian a creación da empresa Galaria, ideada para xestionar o plan de infraestruturas sanitarias. O sindicato rexeita que se permita compartir con empresas privadas a financiación de proxectos, aínda máis cando Sanidade criticara o modelo de xestión de lugares gobernados polo PP.

Finalmente, lamentan que a Consellaría estabeleza que para traballar como hixienista dental no sistema público sexa obrigatorio estar colexiado, o que supón unha cota de 150 euros e que funciona a xeito de "canon" para traballar na sanidade pública. Piden que esta colexiación sexa voluntaria, como xa sucede noutros territorios do Estado. Con todas estas demandas sobre a mesa, a CIG-Saúde solicitou unha xuntanza coa conselleira, se ben xa advertiron que, de non chegar a acordos, non descartan levar as súas protestas á rúa.


Ligazóns

4,2/5 (5 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: