Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Francisco Martínez, guerrilleiro antifranquista

"Impuxéronme a loita armada. Eu non a desexaba"

Combateu nas montañas do Bierzo durante os anos 40. En 1951 consegue fuxir a Francia onde viviu deica 1977. Hoxe en día vese como un loitador pola memoria.

Fernando Arrizado / Vídeo e fotos: Isabel G. Couso - 11:15 02/11/2008

Os actos polo centenario do Foucellas organizados a semana pasada contaron coa presenza dun outro guerrilleiro ilustre: Francisco Martínez, máis coñecido como O Quico, un dos poucos que aínda viven para contar os anos de guerra no monte. Porque a Guerra Civil non rematou en 1939; soldados leais ao goberno da República continuaron loitando durante anos, organizados como guerrilla. O Foucellas e O Quico son dous exemplos da Galiza combatente, aparentemente inédita, que algúns tentaron e tentan ocultar interesadamente.

Nesta nobre pelexa caeron moitos, "o 80% quedaron no monte e polas gabias". Francisco Martínez, sendo O Quico, tamén xogou a vida en varias ocasións e tivo a sorte de gañar. Formou parte da II Agrupación e combateu xunto a Manuel Girón na zona suroriental do país, principalmente nas montañas do Bierzo, mais tamén nas comarcas de Viana e de Valdeorras. Nesta última, recorda, tomaron nunha ocasión a mina de volframio de Casaio, da que botaba proveito a Alemaña nazi.

Dos seus 83 anos, O Quico pasou case 20 co fusil na man pelexando por unha causa que consideraba xusta, os valores republicanos e a legalidade democrática. "A loita armada impuxéronma. Eu non a desexaba, son un pacifista. Mais o terror... Hai un momento en que non podes optar por outra cousa: ou a morte ou a autodefensa", reflexiona.

É neste punto no que máis lle gusta incidir ao Quico. Para el, "a autodefensa era o compoñente da guerrilla, non simplemente o militarismo" senón tamén "seguir propagando o proxecto de valores republicanos, de facer que a sociedade se implique, porque se non se implica, o burocratismo por moi democrático que sexa non vai resolver os problemas da sociedade".

Esta filosofía é a que o leva na actualidade a ser un dos principais activos na recuperación da dignidade dos guerrilleiros antifranquistas. Unha outra loita que ocupa o seu tempo dende que regresou do exilio francés -ao que chegou vía taxi en 1951 con documentación militar falsificada, grazas a un contacto no Exército- dous anos despois de morrer Franco.

A vitoria nesta outra loita significa un recoñecemento máis alá daquel simbólico aprobado unanimemente polo parlamento español no ano 2000, que obviou porén o xurídico; é dicir, a aceptación de todos os dereitos propios dun militar retirado. E nesta súa particular guerra ten a súa propia táctica: "O que facemos non é rescatar simplemente a memoria da dor, tamén a de valores que é o fundamental", afirma.

"Que eu diga que sufrín moito non lle achega nada a ninguén. Mais si eu lle digo a un rapaz: 'Mira, a loita naquel momento era por isto, por un proxecto republicano que ofrecía educación para todos nun país de analfabetos, a terra para quen a traballa, o dereito da muller ao voto, ...'; eu creo que convencen máis eses valores, a testemuña do meu compromiso".

No entanto, mostrase escéptico O Quico ao respecto das últimas decisións da Audiencia Nacional sobre os crimes da guerra e do franquismo, máis aínda cando rexeita que hai trinta anos se negociase o silencio na chamada Transición. "Que non nos veñan vendendo que vivimos en liberdade. A liberdade ten zonas de condicionamento. O feito de que convenzan a alguén de que ten que calar e esquecer o pasado, iso é moi triste", afirma.


4.96/5 (24 votos)

Novas relacionadas


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: