Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Vicente Irisarri, alcalde de Ferrol

"Os alcaldes que máis medo me poñen son os que non cobran"

O rexedor ferrolán aclara en Vieiros algunhas das cuestións máis polémicas arredor da crise da coalición de goberno con Esquerda Unida.

Fernando Arrizado - 09:30 01/11/2008
Vicente Irisarri

Vicente Irisarri

"Son reticente a dar entrevistas porque non me gusta andar nas feridas". Ao alcalde de Ferrol non lle gusta falar cos medios, "pero estano a facer outros, así que coido que cómpre aclarar algunhas cousas". Esta semana rompeu o primeiro goberno de coalición nunha das principais cidades do país, formado logo das últimas elección municipais. Na quinta feira falabamos coa responsábel de Esquerda Unida, Iolanda Díaz. Un día despois facémolo con Vicente Irisarri.

Vieiros: Como se chega a esta situación?
Vicente Irisarri
: Os gobernos de coalición achegan estabilidade, este é o seu obxectivo. Os partidos van ao proceso electoral con programas diferentes e deciden negociar para formar gobernos estábeis. A coalición racha porque despois dalgún tempo vemos que este obxectivo se perde. Cada unha das cousas que o PSOE quería sacar adiante había que negocialas con Esquerda Unida (EU) como un partido máis da oposición. Logo, non ten senso a coalición. É preferíbel ter máis liberdade para gobernar e mirar de pactar con outras forzas como o BNG, ou outras.

Hai tamén unha razón institucional; cuestiónase o estado da Xustiza en España, como no caso do cabo Gago, ou o significado da monarquía... hai cousas que se foron convertendo en diferenzas insalvábeis. E despois tamén se pon en dúbida a honorabilidade do alcalde en temas como a recuperación da concesión da Praza de Armas ou a propaganda institucional.

No entanto, dende EU insístese en personalizar as críticas na figura do alcalde. O problema, din, e con vostede non co PSdeG. Cualifícano de autoritario, de querer mandar por decreto...

O PSOE é unha forza seria que non entra en personalismos nin en valoracións deste tipo. Respecto moito a Iolanda Díaz e a EU. O certo é que neste momento álxido o alcalde consegue ser secretario xeral do PSOE en Ferrol co 90% dos votos, e recibe o apoio do partido en Santiago.

Mais na Executiva Nacional, se ben hai quen gaba a súa actitude valente en determinadas cuestións, hai tamén voces críticas coa situación actual, sobre todo tendo en conta que estamos a poucos meses das eleccións ao Parlamento...

O apoio é total, tal e como declararon o propio Ricardo Varela e o presidente da Xunta. Non quere dicir que satisfaga. Hai unha certa sensación de decepción -como é normal- por non conseguir que o goberno saia adiante. Pero non son incompatíbeis estas dúas percepcións.

EU afirma que dende o mes de xuño o alcalde pechoulle as portas á negociación dos novos orzamentos...

O traballo neste concello na cuestión dos orzamentos levouno a cabo basicamente o Partido Socialista. É unha competencia da Concellaría de Facenda. O certo é que o concelleiro tratou de reunirse coa outra parte, pero non se deixou. É verdade que o nivel de comunicación baixara nos últimos meses, pero é o PSOE quen realmente os buscaba.

O tema da suba dos salarios é un dos máis polémicos, quizais porque causan maior rexeitamento entre a cidadanía tendo en conta a situación de crise económica que se está a vivir...

Cando o PSOE chegou a gobernar a cidade quixemos homologala ao resto de cidades galegas en todos os sentidos. Que non se dependa só do sector naval, que os servizos sociais non sexan de beneficencia, que o deporte non sexa só de elite nin fútbol e sexa universal, ... e tamén na política retributiva. Está explicada perfectamente na páxina web do Concello. Dado que en España non hai unha lei que a estipule -algo que sería moi desexábel-, os concelleiros homológanse aos funcionarios do mesmo nivel.

A figura do alcalde segue unha norma non escrita do ano 2002 segundo a que se estabelece que cobre unha peseta máis -agora un euro- que o funcionario que máis gana. O secretario do concello cobra 83 mil euros e o interventor 73 mil euros. Eu viña de cobrar 80 mil euros de Portos de Galicia, e decidimos deixalo en 73 mil euros, en relación ao resto de alcaldes das cidades galegas máis importantes. Hai moita hipocrisía arredor dos salarios dos concelleiros. Parece que estamos a falar dos 200 mil euros que cobra algún banqueiro. Pero 73 mil euros para alguén que vén da empresa privada, e que traballa de sol a sol... neste tempo deleguei a miña sinatura catro veces. Recoñezo que se viña dunha política retributiva que fai o cambio máis brusco...

Enténdese que o alcalde anterior cobraba un soldo moito máis baixo...

Os alcaldes que máis medo me dan son os que non cobran nada. Hai que responder con total transparencia, máis nunha época de crise. Por iso decidimos reducir o salario un 10% para o alcalde e un 5% para os concelleiros. Non deixa de ser simplemente un xesto, é un tema que se presta á demagoxia.

Mirando xa cara ao futuro, como ve a gobernabilidade de Ferrol sen ter un apoio asegurado?

Con enorme tranquilidade. Hoxe (por este venres) houbo un pleno con 25 puntos e tres mocións e saíu todo aprobado.

Mesmo co apoio de EU...

Mesmo co apoio de EU. Hai temas en que a carga ideolóxica é cero. Nuns haberá grupos que os apoien e noutros, outros. E noutros proxectos importantes haberá que facer un esforzo especial.

Está o PSdeG deixando o goberno de Ferrol en mans do PPdeG, tal e como di EU?

(Ri) Naturalmente que non. Hoxe (por este venres) o PP non sacou nada adiante. Coido que iso non é así. Co BNG teriamos máis que toda a dereita. Ademais, hai que recordar que somos os máis votados, temos nove concelleiros e o PP sete.

Non ten medo a que o pobo de Ferrol non entenda esta crise de goberno e que lle pasen factura?

Para nada. Os nosos votantes están decepcionados por que non saíse adiante a coalición, pero están moi contentos co novo goberno. É máis, hai moitos votantes do PSOE de centro que viron con agrado que se rompera con EU.


3,86/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: