Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ECONOMÍA

Legalidade dubidosa nas prácticas do Banco Portugués de Negocio

O Banco Central luso e a Fiscalía do país investigan as perdas ocasionadas polas operacións "virtuais" feitas a través do Banco Insular de Cabo Verde.

Redacción - 11:45 03/11/2008

A nacionalización do Banco Portugués de Negocio (BPN) é, sen dúbida, a noticia máis destacada dos xornais lusos esta segunda feira. É cualificado como o "segundo furacán" que azouta a economía, logo dun primeiro que foi a investigación de fugas ao fisco nalgunhas das maiores empresas e bancos do país. Se nun primeiro momento, as crónicas se dirixiron a recoller a información, sen máis connotacións, os diarios apostan agora pola interpretación.

O máis explícito é o Expresso, que titula: "BPN escondeu operação virtual e Banco Insular durante anos". Así subliña que este Banco Insular, unha institución do BPN en Cabo Verde, foi agochado ás autoridades de supervisión bancarias do país durante seis anos. Esta entidade sería a responsábel de 360 millóns de euros de perdas, máis da metade dos 700 millóns de euros de fugas que acumula o banco. Neste sentido, informa de operacións de crédito en paraísos fiscais e de transacións excluídas de contabilidade, feitos que estaría a investigar o Banco Central e a Fiscalía.

Na mesma liña analiza a información o Diario de Noticias, que titula: "Goberno nacionaliza BPN e prepara entrada noutros bancos". Neste caso, o xornalista fai fincapé na decisión do Estado de inxectar 4 mil millóns de euros na banca para darlle unha maior solidez. Asemade refírese á existencia desta entidade caboverdiana, por onde -di- "pasaban operacións offshore" e recolle as palabras de Teixeira dos Santos nas que asegura que o goberno se viu obrigado a propor a nacionalización para asegurar os depósitos dos clientes.

Pola súa parte, o xornal Público titula: "Estado falha venda do BPN e avança com nacionalização" e destaca que esta decisión se toma despois dunha tentativa errada de vender o banco. O propio diario xa informara nos últimos días das negociacións coas catro entidades nacionais máis destacadas e mesmo con estranxeiras para saír da crise na que o BPN estaba inmerso. Doutra banda informa de que o coñecemento público destas prácticas irregulares a través do Banco Insular aceleraron a decisión, ante o risco dun efecto de contaxio no sistema bancario portugués.

O Correio da Manha titula: "Operação Furacão' leva BPN à falência" facendo referencia á importancia que a anterior "Operación Furacán", unha investigación de fugas de capital por parte de empresas e bancos, tivo sobre a creba do BPN. A mesma visión ofrece o Jornal de Notícias, que escolle o título: "Segundo "furacão" no BPN", que tamén incide na necesidade dunha intervención do Estado ante a bancarrota á que estaba abocada a entidade financeira.


Ligazóns

5/5 (3 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: