Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Sete

Edición xestionada por Vieiros
RSS de GZ-Sete
Presión veciñal en Ferrol

"O poder non lles caeu do ceo, déronllelo os cidadáns"

Conversamos con algúns dos asinantes da plataforma cidadá que xunta voces en Ferrol para a consecución dun "goberno de progreso".

R. Noguerol - 09:00 04/11/2008

"Ferrol é de esquerdas". Coinciden en subliñalo diversos persoeiros consultados por Vieiros e que se atopan entre os asinantes do manifesto "Por un Goberno de Progreso". A actualidade política recente, coa ruptura do pacto de goberno entre PSOE e Esquerda Unida puxo a proba unha vez máis a paciencia dos ferroláns, e desta volta, cidadáns de diferentes sensibilidades políticas veñen de poñerse de acordo para turrarlles das orellas aos representantes saídos hai pouco máis dun ano das urnas.

"O poder non lles caeu do ceo, déronllelo os cidadáns", sinala ao respecto Manuel Cendán, militante socialista moi crítico coa impasibilidade coa que as forzas políticas que cogobernaban lle deron as costas ao pacto. No mesmo sentido, Eliseo Zahera, presidente do Ateneo Ferrolán, ve unha consecuencia negativa inmediata na acumulación nos concelleiros socialistas das tarefas de goberno repartidas cos concelleiros de Esquerda Unida: haberá "atrancos, retrasos e dificultades" no curto prazo. "Non é de recibo que o resultado das últimas eleccións non se plasme nun acordo esa vontade cidadá de outorgarlle á esquerda o poder", apunta ao respecto o ex concelleiro nacionalista Xosé Lastra, "deberían ser as forzas que, con máis ou menos énfase nesa idea de esquerda, asuman o protagonismo de goberno". "Non nos resignamos a ver como se dilapida todo ese capital de confianza e ilusión: Ferrol é maioritariamente de esquerda", engade Rafael Pillado, da asociación Fuco Buxán.

Nas mans da dereita
A ralentización das tarefas de goberno e a perda de ambición nas estratexias para a cidade será así o primeiro dos problemas, segundo os asinantes do manifesto, que con todo, coinciden en salientar a consecuencia máis grave: "o goberno queda a expensas da dereita". Así o pensa por exemplo Rafael Pillado, quen agoira que os populares reciben unha inesperada capacidade de actuación en iniciativas clave para a cidade sobre as que os cidadáns advertiran con claridade nas urnas que "preferían que a dereita non decidise ao respecto".

Para Manuel Cendán é xustamente o maior perigo do escenario cara ao que se aboca Ferrol, o feito de que proxectos onde a cidadanía sabe que o posicionamento da dereita da cidade é "radicalmente oposto" ao das formacións de esquerda. Máis aínda recorda Cendán que a mobilización social dos últimos anos é exemplo da loita que se levou a cabo fronte intereses "especuladores" e paradoxalmente cando logo da cita coas urnas os ferroláns esperan que a súa decisión se traduza "en políticas concretas que lles freen os pés a eses intereses", os electores ven agora como os representantes políticos aos que lles deron a confianza "entretéñense en liortas nada produtivas". "Votando maioritariamente á esquerda, os ferroláns acaban de ver como xorde un goberno en minoría e que queda a expensas da dereita", láiase Manuel Cendán.

A ameaza do pesimismo e a desmobilización
Rafael Pillado di estar seguro de que un fracaso a curto prazo na resolución desta crise de goberno en Ferrol terá consecuencias prácticas para o actual bipartito na Xunta. "Danlle argumentos gratis ao PP", opina, agoirando ademais que de xeito concreto podería causar unha desmobilización no electorado de esquerdas en Ferrolterra nas próximas eleccións. "Cunha cidade claramente de esquerdas, é irresponsábel conformarse cun goberno débil que dependa da boa vontade da dereita", di Cendán.

Nesa liña, Xosé Lastra considera que é "un contrasentido "que PSOE e BNG fosen quen de sortear as dificultades para gobernar con estabilidade en Galiza "e que nunha cidade como Ferrol non sexan quen". "O clamor cidadán é razoábel e necesario", sinala Eliseo Zahera, indicando que os políticos necesitan de xeito continuo que lles recorden "quen os puxo onde están e quen pode quitalos". "É normal que xurda un manifesto como este, en ton afábel e construtivo, que lles lembre que os ferroláns "falaron ben claro" nas últimas eleccións, explica.

"Están xogando coa paciencia da xente"
Coinciden os asinantes consultados en que a conxuntura debera aproveitarse non só para que PSOE e EU senten para recuperar o acordo, senón tamén para que o BNG se incorpore á negociación. "Só pedimos que se deixen de lerias, que senten e que lle dean continuidade política a un programa de esquerdas", reclama Zahera, "discutan o tempo que queiran, pero póñanse ao choio desde xa", ínstalles.

Ao fío, engade Rafael Pillado que o manifesto vai máis aló de acusacións concretas e particulares. "Non imos botarlle a culpa a ninguén en concreto malia que os personalismos a todas as bandas teñan as responsabilidades que poidan ter", reflexiona. Segundo Pillado, opinión compartida por outros asinantes, todos eles integrados no tecido asociativo de Ferrolterra, o movemento cidadán foi clave nos últimos tempos na vida ferrolá e tivo moito que ver no cambio da cor política do goberno nas últimas eleccións. "Esa presión axudou a apartar o PP do poder", subliña, urxindo as formacións políticas a que escoiten tamén agora o clamor social e "non sigan xogando cos intereses da cidadanía".

"Se isto acontece a tres ou catro meses dunhas novas eleccións municipais se cadra non eran necesarios xestos como este, pero acontece cando levan ano e medio de traxecto conxunto", quéixase Lastra, prognosticando a volta da dereita ao poder nos vindeiros comicios se a vontade cidadá expresada nas urnas non consegue resposta. "O que van conseguir é que a próxima vez a xente quede na casa", agoira Cendán, "Ferrol é de esquerdas e cada vez que alentan a abstención e a desmobilización, é a dereita quen aproveita a tallada".


5/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: