Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
A. ZARAUZA, DIRECTOR DE 'A NOITE QUE DEIXOU DE CHOVER'

"Cineuropa é o meu festival, aquí eduqueime cinematograficamente"

O seu filme, un retrato da bohemia compostelá, abre este martes ás nove da noite unha nova edición da mostra.

Marcos S. Pérez - 13:00 04/11/2008

A noite que deixou de chover recrea a bohemia compostelá e a vida nocturna de Compostela. O protagonista, Spleen, interpretado por Luis Tosar, é un home que sae mercar pan a primeira noite que escampa a choiva logo de tres meses; só lle gustan tres cousas na vida: Valle-Inclán, The Smiths e as mozas malas con perrera, e esa noite coñece á 'Rusa' (Nora Tschirner), outra "alma" que coma el "vagabundea pola noites de Compostela". Xuntos realizan un percorrido pola cidade que cambiará as súas vidas.

Trátase da primeira longametraxe de Alfonso Zarauza, que conta na súa filmografía con cinco curtametraxes, entre as que destacan Touro (2002), Sebastian (2001) e A danza de Katiuska (1998).

Como se está vendo a película nos festivais que estades percorrendo? Enténdese sendo unha película tan galega e tan compostela?

A recepción estanos sorprendendo, por exemplo a que tivo en Valladolid, sobre todo polo que dis: porque esfectivamente é unha película moi de aquí, con moitos referentes. E ademais o público de Valladolid é moi esixente, está moi afeito a ver cine, e o noso filme recolleu unha aceptación moi boa, tanto entre o público como entre os críticos. Non é tan habitual que unha película sexa aplaudida nun festival como nos pasou a nós, en moitas o público fica calado, ou mesmo patalea.

Dada a boa aceptación, mesmo sorprendeu que o filme non fose escollido para a sección oficial. A que cres que se debeu?
Nos festivais xoga moito a política, moitas veces non só é unha cuestión cinematográfica. Pero eu non son a persoa máis axeitada para falar deste tema, non creo que sexa correcto. Pero si é certo que me viñeron falar moitos críticos para dicirme que lles gustara moito a película e que lles soprendera que non estivese na sección oficial, tendo máis calidade que algunha das participantes.

A película retrata Compostela, pero dá unha visión diferente, moi afastada dos tópicos do Xacobeo e a Catedral...
Si, quería evitar os tópicos, os peregrinos e esas cousas. Quería amosar, pola contra, a Compostela máis underground, que a min me parece un mundo moi decadente e á vez moi auténtico. E moi cinematográfico. E está interesando moito por aí fóra, porque cambia moito a visión que os medios de comunicación e o cine dan da cidade. Mesmo en Valladolid algunha xente preguntoume se a 'Taberna dos Dramáticos' existía e onde quedaba.

O filme está producido en gran parte por unha produtora non galega, pero polo tema e polo equipo técnico e artístico é un filme indubidabelmente galego. Cómpre repensar os criterios para definir a 'galeguidade' do cine, non si?

A produtora madrileña o certo é que me deixou total liberdade á hora de facer o filme, puiden facer a película que quería. O único que non puiden facer foi rodala en galego, que era a miña intención orixinal, pero iso segue sendo moi difícil para a distribución, e sendo o meu primeiro filme, aínda non teño nome para impoñer esas cousas.

O filme estase movendo por festivais moi importantes de todo o mundo. O obxectivo agora é entrar en Sundance?
Si, iso sería fantástico. É complicado, pero os pasos que imos seguindo van nesa dirección e van ben encamiñados. Por exemplo a semana que vén viaxamos ao festival de Viña del Mar, en Chile, que é moi importante en toda América. E somos o único filme europeo que participa na sección oficial.

Supoño que para ti, sendo de Santiago, é especialmente importante que o teu filme abra Cineuropa, non si?

Si, eu eduqueime cinematograficamente aquí, Cineuropa é o meu festival. Levo indo moitos anos, e sempre ten unha programación incríbel. É curioso: hai festivais que teñen moito nome e despois non ofrecen moita cousa, moito ruído e poucas noces. Pois ben, Cineuropa ten moitas noces, e fai pouco ruído.

Cal é o teu recuncho favorito de Compostela, desa Compostela que retrataches na película?

Por exemplo, o Parque de Bonaval, onde xa gravei unha curta hai uns anos, é que é marabilloso, calquera plano que fagas alí ten algo especial. E despois seguramente tería que dicir A Reixa, que de feito aparece dúas veces na película, ao comezo e ao final: é o exterior da 'Taberna dos Dramáticos'. O interior da 'Taberna' é o Galo d'ouro, que é outro lugar bastante mítico. De feito o ambiente bohemio que se reflite na película é eun boa medida o que había antes no Galo...

...noites de absenta e juke-box...
Ese mesmo.


4,58/5 (12 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: