Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Na Terra de Celanova

A Audiencia Nacional xulga unha militante da AMI por danos nas obras dunha minicentral

Despois do xuízo a Caamanho e Rodrigues, é a quenda de Maria Bagaria. A fiscalía cualifica os feitos de "delito de danos con carácter terrorista".

Redacción - 12:05 06/11/2008

Esta cuarta feira a militante independentista Maria Bagaria comparecía na Audiencia Nacional española, en Madrid, acusada da colocación de tres aparellos incendiarios na maquinaria que traballaba nas obras de construción dunha minicentral hidroeléctrica no río Arnoia, ao seu paso por Rubillós (A Merca), en 2004.

A Fiscalía cualifica os feitos como "delito de danos con carácter terrorista", e solicita para Bagaria unha condena de tres anos de prisión, a inhabilitación absoluta por un período de nove anos, e unha indemnización á empresa construtora que rolda os 2.500 euros. Porén, o fiscal, Luis Barroso, non falou dun delito de estragos (polo que se pedirían 15 anos de condena) senón de danos (tres anos), xa que considera a AMI (Assembleia da Mocidade Independentista), onde milita Bagaria, como unha "organización xuvenil independentista de Galiza, que para a consecución dos seus fins políticos emprega a violencia e causa danos nos bens tanto públicos coma privados".

O independentismo denuncia irregularidades nas probas
O xuízo comezou cun recurso de competencia, presentado polo avogado de Maria Bagaria, segundo o que o suposto delito debería ser procesado no xulgado de Celanova, como había acontecer nun primeiro momento, antes que a sabotaxe fose tipificada como "terrorista" e transferido á Audiencia Nacional.

No xuízo declarou un concelleiro do BNG da Merca, e dous gardas civís, e durante o mesmo a defensa criticou as irregularidades na recollida das probas, xa que os artefactos incendiarios non foron procesados de xeito regulamentario, senón que foron dous gardas civís de Celanova (non presentes no proceso) os que os levaron, no seu vehículo propio, até comisaría. Porén, o avogado de Bagaria recoñeceu que un dos obxectos -unha bandexa na que se atoparon as pegadas da acusada- puido ser tocada pola súa defendida antes de ser preparado. Maria Bagaria negou, polo seu lado, a súa participación nos actos.

Un proceso aínda aberto
Maria Bagaria xa fora detida en novembro de 2005 no marco da chamada 'Operación Castiñeiras', como militante da AMI. Aínda que os sumarios desta operación foron arquivados por decisión do xuíz, aínda seguen varios casos abertos.

As sabotaxes das que se responsabiliza á militante independentista datan de outubro de 2004, e encádranse no marco do movemento de oposición veciñal comezada na Merca contra as obras da minicentral, proxectadas para o río Arnoia. O tribunal estatal datou o xuízo a Maria Bagaria xusto un día após de terminar o proceso contra Ugio Caamaho e Giana Rodrigues. Ámbolos dous procesos quedaron vistos para sentenza.


Ligazóns

4.86/5 (7 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: