Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
CONSELLO DA XUNTA

O Goberno ofrece axuda ás pequenas empresas para a conciliación da vida laboral e familiar

Aprobouse unha partida de 300 mil euros dedicados ás pemes; mais tamén un novo regulamento de asistencia xurídica gratuíta.

Redacción - 18:30 06/11/2008
As axudas ás pemas enmárcanse no V Plan Galego de igualdade entre mulleres e homes 2007-2010

As axudas ás pemas enmárcanse no V Plan Galego de igualdade entre mulleres e homes 2007-2010

O Consello da Xunta aprobou, esta quinta feira, unha partida de 300 mil euros destinada a axudar ás pemes na realización de plan de conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Esta liña de axudas, presentada pola Secretaría Xeral de Igualdade, enmárcase no V Plan do Goberno galego de igualdade entre homes e mulleres 2007-2010 que estabelece, entre os seus obxectivos, o fomento da responsabilidade social das empresas, así como a identificación dos procesos laborais que poden revisarse para favorecer esta conciliación.

Para terminar coa rotación ou o abandono laboral
Estas axudas recibiranas as pemes (pequenas e medianas empresas) domiciliadas en Galiza ou que acometan as accións subvencionábeis nos seus centros de traballo no noso país, e que realicen, en ámbolos dous supostos, accións a favor da conciliación da vida persoal, familiar e laboral. Este traballo, por parte das empresas, debe contribuír, ademais, a superar os estereotipos que adscriben a homes e mulleres a determinadas tarefas, tanto no ámbito familiar como no privado e laboral.

Aprobado o regulamento de asistencia xurídica gratuíta
O Consello da Xunta tamén aprobou esta quinta feira o Decreto do regulamento de asistencia xurídica gratuíta de Galiza, que nace para adaptar a normativa ás necesidades que derivan dun novo contexto social e tecnolóxico propio da era da información, e ás novidades lexislativas introducidas nos últimos anos.

Este regulamento tamén incorpora quendas específicas para a asistencia xurídica de colectivos que requiren unha atención especializada, como as mulleres maltratadas, os menores ou inmigrantes, entre outros, así como a formación específica e reciclaxe dos profesionais encargados destas tarefas, a través dos distintos cursos que ofrecen os colexios profesionais. A norma inclúe, a maiores, a introdución da libre elección de avogado e procurador no ámbito do dereito de familia, contencioso-administrativo e laboral por parte do beneficiario da xustiza gratuíta, e realiza, ao tempo, unha aposta polas novas tecnoloxías de información e da comunicación para avanzar cara a implantación da administración electrónica neste ámbito. Tamén se contempla, neste decreto, o aumento do número de comisións de asistencia xurídica gratuíta, de catro a sete, engadindo as comisións de Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol ás xa existentes da Coruña, Ourense, Pontevedra e Lugo.

Con estas medidas trátase de estabelecer mecanismos para garantir aos cidadáns e ás cidadás unha igualdade real e efectiva no exercicio do dereito á tutela xudicial efectiva.


Ligazóns

0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: