Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Canal Verde

Xestionado pola Federación Ecoloxista Galega e Vieiros
RSS de Canal Verde
Iniciativa con tres anos en Galiza

Políticas de mobilidade? A "masa crítica" agarda na bici

Ducias de veciños xúntanse unha vez ao mes con cadansúa bicicleta, para facer presión contra a inacción de Xunta e concellos que teiman nun urbanismo ao servizo dos coches.

Redacción - 09:30 08/11/2008

Vigo, A Coruña, Ourense, Lugo, Santiago e Ferrol teñen mensualmente a súa cita coa "masa crítica" en Galiza, unha idea que ademais das principais cidades, agás Pontevedra, só organizan de momento na vila de Ponteareas. No caso da Coruña, onde a iniciativa cumpre esta semana tres anos, unha media de 70 persoas acoden o primeiro venres de cada mes coa súa bici á Praza de María Pita para desde aló facer un percorrido pola cidade.

Unha administración con "mentalidade atrasada"
O exemplo dos novos barrios que en todas as cidades galegas se van abrindo e que continúan sen proxectarse desde un modelo urbanístico sustentábel que facilite, entre outras cousas, o uso da bicicleta é exemplo paradigmático da situación. Pensar niso "cando se comeza de cero" a urbanización de novas áreas sería ben menos custoso que acometer reformas nas xa afogadas urbes, pero nin nese caso os gobernos locais reparan nesa posibilidade. Así o opina Marcial Blanco Castelos, un dos coruñeses asiduos á cita coa Masa Crítica. Segundo Blanco Castelos, na cidade da Coruña, que pola súa morfoloxía ofrecería oportunidades claras para apostar pola promoción da bicicleta como medio de transporte, as administracións viven de costas a esa posibilidade.

A nivel da Xunta, nin sequera aparecen enriba da mesa exemplos que en todo o mundo hai de deseño de estratexias de mobilidade onde a bicicleta se demostrou exitosa, non só no interior de cidades e vilas senón para o traslado entre vilas moi próximas. Segundo reflexiona Marcial Blanco, no escenario local si abrollan algunhas promesas, pero case ningunha remata concretándose nun país onde a presencia de carrís bicis segue sendo anecdótica. Blanco cita apenas como novas recentes en positivo o estabelecemento dun servizo de préstamo específico para a Universidade da Coruña, "onde semella que por fin pensan nalgo máis ca en aumentar aparcadoiros para que os universitarios vaian en coche".

Diversas experiencias co alugueiro de bicis
Ferrol, Ourense ou Lugo son exemplos de cidades que decidiron deseñar un sistema de alugueiro de bicicletas, poñéndoas a disposición de veciños e turistas e en varios puntos da cidade. Os gobernos locais introduciron a proposta timidamente e coa intención de incrementar o número de bicis en función do éxito do servizo. No caso de Vigo, e logo de estudar unha iniciativa similar, a concellaría de Tráfico resolveu que a circulación de vehículos na maior urbe de Galiza fai que nalgúns puntos poida ser "mesmo perigoso" pensar en fomentar o uso da bici.

Xa que logo, pensar en favorecer as viaxes en bici no interior de vilas e cidades depende tamén das medidas que os gobernos locais tomen para o que Marcial Blanco cualifica de "pacificación" do tráfico. Proxectos como a concienciación cidadá ou o estabelecemento de límites máis baixos de velocidade en determinadas áreas non son valorados apenas.

A bici: alternativa a cidades "conxestionadas"
A "Masa Crítica" é a expresión concreta dunha mobilización cada vez maior en anos recentes en favor de cidades máis limpas e sustentábeis. Así por exemplo, desde a Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (Adega), receitan a promoción das bicis contra a deterioración da calidade de vida que en cidades e pobos provoca o tráfico urbano. Doenzas respiratorias, estrés, contaminación acústica... Problemas todos que o monopolio dos coches causa na vida diaria.

"Cómpre dar un xiro radical na forma de entender o transporte, aplicando criterios ecolóxicos e de sustentabilidade na súa xestión e neste campo, a bicicleta ten demostrado a súa utilidade polo que é preciso recuperar o seu papel central na mobilidade das persoas", propoñen desde Adega. Perspectiva similar teñen no colectivo Verdegaia, que reivindican a viaxe "máis relaxada, ecolóxica e gratificante" que proporciona a bici. "O uso de transporte público e bicicleta", expoñen, debera ser "solución a meirande parte das necesidades de transporte, cuns custos ambientais asumíbeis e uns beneficios sociais e de saúde incuestionábeis".


5/5 (6 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: