Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
ESCÁNDALO NA POLÍTICA DE RESIDUOS?

Os 'herdeiros' da anterior Xunta manteñen voz, voto e prebendas en Sogama

Un fillo do ex conselleiro Hernández Cochón, que cobra case 72 mil euros como secretario xeral, continúa a ser un dos homes fortes da sociedade pública.

R.Vilar - 12:15 12/11/2008

Que dentro de Sogama hai unha encarnizada pugna interna é algo que xa trascendeu incluso ao debate político do país. Os medios de comunicación daban conta hai dúas semanas da marcha do número dous da sociedade pública, o enxeñeiro Francisco Bustío (Unión Fenosa). Como conselleiro delegado que foi, Bustío tivo os seus máis e os seus menos co presidente actual, Xosé Álvarez (Xunta). Como informabamos nun artigo anterior, a liorta interna entre Unión Fenosa e a Xunta é tamén extrapolábel á guerra PPdeG-bipartito no que ten que ver co cambio nas políticas xerais de residuos. Porén, dentro da selecta sociedade pública (composta por pouco máis de 20 traballadores directos) hai claves que explican algo máis a entidade da  batalla que se libra.

Por debaixo do posto de presidente e de conselleiro delegado, está o de secretario xeral. Xosé María Hernández Sanmamed ocupa este ultimo posto, o terceiro en importancia dentro de Sogama. Poucos saben que este alto cargo de Sogama, partidario de Unión Fenosa na guerra que esta libra coa Xunta, é fillo do ex conselleiro de Sanidade e actual líder do PP de Sada, Xosé María Hernández Cochón.

Cunha retribución bruta semellante á dun conselleiro (Este ano cobrará perto de 72 mil euros), o secretario xeral de Sogama encárgase da área xurídica da sociedade pública, aínda que o groso do traballo está subcontratado ao despacho de avogados de Garrigues Walker. Ademais dos emolumentos económicos, o número tres de Sogama dispoñía até o ano pasado de coche de empresa e de tarxeta de gastos. O presidente actual, Xosé Álvarez, co que mantén unha mala relación, decidiu retirarlle o vehículo que empregaba de xeito exclusivo.

Un posto feito á medida?
O fillo de Cochón entrou en Sogama en 1997, cando seu pai era membro do executivo de Manuel Fraga. Con 28 anos pasaba a ocupar unha praza de asesor xurídico e pouco despois de secretario no consello de administración. Por aquel entón, ao igual que outros traballadores da sociedade pública, estaba contratado de xeito temporal a través dunha ETT.

En 2001 convócase a praza para secretario xeral de Sogama. O Consello de Contas é especialmente contudente co proceso de selección que lle acabou dando a praza ao fillo de Hernández Cochón: “En relación cos requisitos exixidos aos aspirantes, cabe sinalar que a inclusión de perfís profesionais específicos excesivamente axustados ao posto de traballo puideron supoñer unha limitación ao principio de igualdade no acceso á praza”.

A que se refire o Consello de Contas co dos requisitos “excesivamente axustados”? A resposta é sinxela se un comproba o DOG do 24 de xullo de 2001. Na convocatoria da praza exíxese como condición indispensábel catro anos de xestión de sociedades relacionadas cos residuos e dous anos de asistencia letrada e secretaría de consellos de administración de sociedades anónimas. A maiores, na polémica proba, que tardou 27 meses en convocarse, o currículo pesaba un 40%; un 30% a proba escrita e outro tanto unha entrevista persoal.

Unha sociedade “de ouro” no punto de mira

Pero se algo hai en Sogama son magníficos salarios. O xefe da área técnica, o que se encarga da intendencia da planta de incineración de Cerceda, Ramón Pérez, percibe tamén perto de 72 mil euros polo seu traballo na sociedade pública. Por debaixo del, diferentes cargos técnicos cobran salarios moi superiores ao dos seus compañeiros de función pública. En moitos dos casos, o Consello de Contas tamén advirte que non se garantiu a igualdade de oportunidades á hora de acceder ao posto público.

O conselleiro de Medio Ambiente, Manuel Vázquez, asegurou que nas vindeiras semanas vai airear as “irregularidades” que se cometeron en Sogama durante os mandatos do PPdeG. Logo das críticas que recibiu dende as bancadas populares pola nova xestión de Sogama, Vázquez afirmou que hai inquietude na formación conservadora porque o presidente actual “está desmontando o tinglado”.

Mentres prosegue a guerra entre a Xunta e o PP, a Fiscalía continúa investigando os lucrativos contratos que acaparou Unión Fenosa grazas á súa participación na sociedade pública. Con luces e taquígrafos, Sogama ameaza con convertirse nun dos maiores escándalos dos últimos anos.


4,93/5 (27 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: