Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
HOMENAXES NO CENTENARIO DO SEU NACEMENTO

A débeda pendente con Jenaro Marinhas

O dramaturgo, figura clave no teatro galego do século XX, foi apartado do centro do sistema pola súa militancia política e lingüística.

Marcos S. Pérez - 10:00 16/11/2008

Modernidade, humildade, honestidade. Estas tres palabras poden servirnos para comezar a explicar quen foi Jenaro Marinhas del Valle, figura clave no teatro galego do século XX, e malia a todo, descoñecido pola maioría da poboación, e conscientemente ignorado polas institucións durante anos, desprazado á periferia da cultura galega, un esquecemento que, denuncian os seus defensores, continúa na actualidade.

Durante todo o mes de novembro celébranse na Coruña unha serie de conferencias, debates e homenaxes co gallo do centenario do nacemento do autor, o 25 de novembro de 1908. Os actos, organizados pola concellaria de Cultura, a Universidade e a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, comezaron o día 11, cunha mesa redonda e senllos relatorios a cargo de Henrique Rabunhal e Lino Braxe. O venres 21 a Casa Museo de Casares Quiroga acolleu a segunda das xornadas de estudo sobre Marinhas, na que se analizou 'O feminino e o protesto na obra de teatro Ramo Cativo' (Kathleen March e Tareixa Campo), se celebrou unha mesa redonda coa intervención de Laura Tato, Cilha Lourenço e Carlos Viscainho e se representará, xa no Teatro Rosalía, a obra A Velada.

Pola súa banda, a Associaçom Galega da Língua (AGAL) organizará un congreso sobre a figura e a obra de Marinhas os días 26, 27 e 28 de Febreiro de 2009. Así mesmo, publicará unha reedición de A Vida Escura e mais un volume no que se incluirá unha escola de textos que o autor escribiu na revista Agália.

Un teatro culto e moderno
Marinhas entregounos un teatro culto e moderno, "unha obra valiosa, novidosa, que intentou arriscar, unha obra moi do seu tempo", destaca Henrique Rabunhal, que no aspecto humano pon o énfase no seu carácter "xeneroso, humilde e coherente; nunca perseguiu nin se esforzou por acaparar méritos". Pensa igual Miguel Anxo Fernán-Vello, que o define como "un home cheo de bondade, unha persoa que non facía ruído, que pasaba desapercibida". En parecidos termos falaba Luís Seoane, que xa en 1974 sinalaba a súa vida "recatada" e "fecunda" en beneficio "de Galicia e da sua literatura". E tamén Elvira Souto salientou hai uns anos "o valor e coerência com que nestes míseros tempos voluntariamente renunciou a alcançar sinecura dos poderes públicos".

Rabunhal conclúe que "é un dos autores máis importantes do século XX, a pesar de ser unha obra pouco representada e de ser un autor non canonizado; atópase na periferia do sistema literario". Do mesmo xeito, Fernán-Vello cre que "a pesar de que o seu corpus teatral é bastante descoñecido, é un dos referentes do teatro galego en todo o século XX; polos temas que trata e as técnicas que utiliza, modernas e transgresoras é un dos dramaturgos máis interesantes do ámbito ibérico". Sobre as temáticas utilizadas, Rabunhal considera de interese as achegas de Marinhas ao problema da orde estabelecida, "ás posibilidades da sociedade de rebelarse, de revoltarse (que era un concepto que el empregaba moito) contra o poder".

Son as súas obras escasamente dramáticas, ademais, moi próximas ao teatro das ideas. "Iso ten que ver coa época na que escribiu, sobre todos nos anos cincuenta e sesenta, cando as posibilidades de representación das súas obras eran moi limitadas" explica Rabunhal, que sostén que Marinhas "fai un teatro moi de ideas, moi filosófico, afastado digamos do comercial, fóra do realismo e do costumismo". Porén, Fernán-Vello non concorda totalmente con esta visión: "o seu teatro é variado, non responde a unha única tipoloxía, e en calquera caso é un teatro para ser representado. É algo que eu falei con el moitas veces, e el concibía as obras en sentido escénico".

Unha vida de compromiso
Jenaro Marinhas contactou coa intelectualidade galeguista da Coruña sendo moi novo, a través das faladoiros aos que acudía o seu pai, relacionado co grupo da Cova Céltiga. Frecuentou así mesmo as Irmandades da Fala e en 1933 foi cofundador da Mocedade Galeguista da Coruña, da que chegou a ser secretario xeral. Despois da guerra participou nas primeiras reunións de galeguistas, xa dende 1943 e participou na fundación de Galaxia e de Grial. Foi en Grial onde publicou, ao longo da ditadura, as súas primeiras obras de teatro, como A Serpe, Pequena farsa dos amores desencontrados, Loucura e morte de Peregrino, Os Ausentes, O bosque, No palleiro ou Monifates. En 1965 A Revolta e outras farsas obtivo o premio Castelao de teatro galego convocado por O Galo.

En 1978 ingresou na Real Academia Galega, cun discurso titulado A importancia do público na revelación teatral, publicado por O Castro en 1979, en opinión de Rabunhal "un dos textos teóricos máis importantes do teatro galego". Naquela altura Manuel Lourenzo e Pillado Mayor destacaban en O teatro galego que na produción teatral de Marinhas impoñíase "unha liña de esixencias que atinxe a situar as súas obras na revolta ideolóxica e estética do teatro contemporáneo". E un ano máis tarde salientaban que nos seus textos "bule unha preocupación humanística que ás veces se reviste de latexo existencial e ás veces de farsa simbólica, máis sempre dentro dun ton poético, quer de raíz esperpéntica, quer dun calculado estatismo verbal". En 1981 publicou Acurrados e en 1990 Ramo Cativo, outra das súas obras máis destacadas.

En outubro de 1981 nace a Associaçom Galega da Língua, e Jenaro Marinhas foi escollido como Membro de Honra. En 1990, xusto despois da morte de Carvalho Calero, Marinhas renunciou ao seu posto na RAG: "Quebrado agora, bem dolorosamente para mim, esse fio que à Academia me prendia, deixo vacante um sitial que nunca ocupei gostoso e admito que sem merecimentos. Vou-me amigo dos amigos mas nom podo continuar companheiro polos caminhos que levades. Está certo que nom imos para a mesma romaria". Marinhas ocupou lugares de centralidade no campo literario galego durante o franquismo e os primeiros anos da restauración democrática. Porén, dende mediados dos oitenta e sobre todo dende que renunciou ao seu posto na Real Academia, foi desprazado a un lugar periférico.

En 1998 a AS-PG e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda organizaron na Coruña unha homenaxe a Marinhas, que xa tiña evidentes problemas de saúde e finou un ano despois. No seu discurso Pilar García Negro afirmou: "Reclamamos para el o mérito de ser un dos máis modernos, renovadores e intelixentes autores do teatro galego contemporáneo, cunha obra escrita, por certo, en tempos ben duros e crueis para coa existéncia do próprio país (...) Moitas grácias por nos acompañar e nos alentar neste camiño que ti, e outros coma ti, comezastes. Procuraremos non desandarmos nunca, non defraudarmos tanta esperanza como a que este país merece".

Os motivos da súa exclusión
Jenaro Marinhas deixou escrito que "os galegos nom devemos considerar o idioma português como algo que nom nos pertença em grandíssima parte desde que contribuímos à sua formaçom em igual medida os do Minho para Norte que os do Minho para Sul e isto deve ser motivo de orgulho nacional". E era perfectamente consciente de que por adoptar publicamente esta posición a súa valiosa obra ficaba condenada a unha certa 'periferia', ou ás veces quedaba directamente no esquecemento, por apatía, desleixo ou pura ignorancia: "nom se me oculta que aderir ao reintegracionismo contribui a encontrar-se com muitas portas fechadas, mas nom tenciono aldrabar a nengumha". Marinhas denunciaba con fervor que "a lusofobia revela umha imaturidade galeguista: o galego plenamente formado nom pode ver em Portugal e no português algo estranho, mas a prolongaçom de si mesmo: a Galiza botada a andar".

Para Fernán-Vello, a militancia reintegracionista de Marinhas, o mesmo que o seu posicionamento político, nidiamente de esquerdas e nacionalista, é "fundamental" para entender o seu esquecemento. "Supón unha gravísima irresponsabilidade que sectores moi importantes da cultura galega lle desen as costas por ese motivo. O que me parece máis grave é que ese descoñecemento, esa desmemoria inaceptábel se manteña na cultura galega oficial. Segue a pasar o mesmo: non hai moito, falando con Miguel Martín, xerente do IGAEM e agora do Agadic, dicíame que non coñecía a Jenaro Marinhas, e que non tiña intención de publicar o seu teatro completo", denuncia o poeta e editor.

Fragmento de O Assento (Agália, 1986)
Recanto dum jardim público. Dous bancos, próprios do sítio, um dando frente ao público, em direcçom horizontal à embocadura, o outro em posiçom vertical a ela e num lateral. Atrás do primeiro, quando menos, umha árvore em cujas pólas podam pousar as duas aves exóticas que aparecerám imediatamente.
Ave 1: Onde é que nos encontramos?
Ave 2: Pois nom o sei. Nunca é fácil sabê-lo com certeza, tudo se vai uniformando tanto no mundo que todas as cidades parecem a mesma. Iguais avenidas, «scalestrix», «buildings». Que nojo!
Ave 1: Vamos dar outra revoada a ver se pesquisamos algo orientador.
Ave 2: Se déssemos coa Oficina de Turismo.
Ave 1: Impossível, nom podemos rasear o voo com tantas espingardas de ar comprimido em maos dos escolares.


4,85/5 (67 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Jenaro Marinhas del Valle na homenaxe que se lle ofreceu en 1998
Jenaro Marinhas del Valle na homenaxe que se lle ofreceu en 1998
Flor Maceiras, Pilar García Negro, D. Jenaro e Alexandrina Fernández
Flor Maceiras, Pilar García Negro, D. Jenaro e Alexandrina Fernández