Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
JOSEP BARGALLÓ, DIRECTOR DO INSTITUT RAMÓN LLULL

"A cultura galega ten un potencial moi grande aínda por explotar"

A institución, na que participan os gobernos de Cataluña, Baleares e Andorra, é a responsábel de promocionar a lingua e a cultura catalás no exterior.

Marcos S. Pérez - 08:45 18/11/2008

Josep Bargalló foi conseller de Educación no primeiro goberno tripartito catalán, e despois de que Carod-Rovira abandonase o executivo logo da polémica xurdida pola súa xuntanza con membros de ETA en Perpignan, asumiu o cargo de Conseller primer (vicepresidente).

O Institut Ramon Llull ocúpase da promoción da lingua e a cultura catalá no exterior, e xestiona así mesmo os lectorados e cátedras de catalán nas universiades de fóra dos Países Cataláns. Constituíse en 2002 e neste tempo acadou dous logros especialmente rechamantes: Cataluña foi a cultura convidada tanto na Feira do Libro de Guadalajara, en 2004, coma na de Frankfurt en 2007, os dous eventos do libro máis importantes de América e Europa, respectivamente. Para o 2009 prepara o desembarco catalán na Bienal de arte de Venecia. Porén, Bargalló salienta a importancia da xestión diaria, canda a estes grandes fitos, como clave para o éxito da estratexia de internacionalización da cultura.

O Ramón Llull é o equivalente ao que en Galiza será, no momento en que se constitúa, o Instituto Rosalía de Castro, unha institución para a difusión da cultura galega no exterior, prevista no pacto de goberno entre PSdeG-PSOE e BNG, pero que aínda non se puxo en marcha. A pasada semana, Luís Bará afirmou que o Rosalía de Castro estará en funcionamento na vindeira lexislatura.

Que valoración fai da actividade do Ramón Llull baixo a súa dirección?
Nestes dous anos a actividade do Ramon Lull centrouse en dous grandes valores. Por unha banda, en ampliar a súa representatividade institucional, pois agora xa non conta co apoio unicamente da Generalitat de Catalunya, senón tamén co dos gobernos de Baleares, Andorra e a rexión dos Pireneos orientais. E por outro lado incidimos na presenza de Cataluña en grandes eventos culturais celebrados en todo o mundo. E nese sentido, o principal reto foi a Feira do Libro de Frankfurt.

Percíbense xa efectos reais do protagonismo que tivo Cataluña en Frankfurt o pasado ano?
Tivo un efecto inmediato, en primeiro lugar, por ser a primeira vez que o país convidado á feira era unha nación sen Estado de seu; isto outórgalle á cultura catalá unha visibilidade moi grande, e simbolicamente é moi importante. Despois ten un segundo efecto, real, que é o aumento da presenza da literatura, dos autores e das editoriais catalás no concerto editorial internacional, e un aumento moi significativo por exemplo das traducións a outras linguas de obras escritas en catalán.

Que é máis importante? A presenza en eventos internacionais ou o traballo cotiá de promoción da cultura que realizan, por exemplo, a través das cátedras e lectorados de catalán en universidades de todo o mundo?

Hai que facer ese dobre esforzo. Nós facemos un traballo diario, de presenza constante en moitos países, e por exemplo o catalán está presente en 165 universidades de todo o mundo. Isto permítenos estar presentes e ser visíbeis na vida cultural cotiá e diaria, de todos estes países, e iso é imprescindíbel. Tamén é fundamental a política continuada de axudas á tradución. Por outra banda, a presenza destacada en eventos singulares outórgache visibilidade; sen esa visibilidade, sen eses 'do de peito' que de cando en cando hai que facer ao mesmo nivel que as grandes potencias, non acaba sendo recoñecido o traballo diario. E por outra banda, se non fas ese traballo diario, o boom que poidas conseguir nun acontecemento de primeiro nivel resulta pouco eficiente. Hai que traballar nas dúas vías.

Á hora de dar a coñecer a cultura catalá, en que medida pesa o obstáculo de non contar cun Estado de seu?
Unha parte importante do traballo de promoción cultural realízase por vía diplomática. Pero ese traballo pode facerse tamén por outras vías. Por exemplo, esa presenza que temos en 165 universidades é unha verdadeira forza diplomática.

Enténdese a realidade nacional catalá noutros países: o feito de ser unha cultura nacional sen Estado?
Enténdese en cada lugar do mundo en función de cada país, e das súas circunstancias. Por exemplo, naqueles países que teñen no seu interior varias culturas nacionais e non as aceptan, pois é difícil que nos entendan; naqueles que teñen varias culturas e si as aceptan, é máis doado. Naqueles países que apostan polos cambios, tamén é máis fácil entrar; nos que non os aceptan, é máis complicado. Por exemplo, temos facilidades para que comprendan a nosa realidade nos países escandinavos, ou os Estados Unidos, e non as temos nalgúns países do centro de Europa.

Como valora a presenza internacional da cultura galega e o traballo que se está realizando para a súa promoción?
Esta presenza é imprescindíbel, porque retroalimenta outras políticas e retroalimenta o sector. Cataluña ten unha vantaxe, que é que contamos cun tecido empresarial na industria da edición moi importante, aínda que en boa parte non edite en catalán. E así, por exemplo, o espazo que en Frankfurt ocupan as librarías catalás é moito meirande que o que ocupan as editoriais galegas. Pero na miña opinión Galiza ten un potencial moi grande que en boa medida está por explotar. Está abrindo un camiño moi importante e con éxito nalgúns campos, como o da literatura e a edición infantil e xuvenil. E ten moitas facilidades, a priori, para entrar en América Latina, moitas máis que as que ten Cataluña. Apostar pola internacionalización é intelixente e necesario.

Cales son os grandes retos do Ramón Llull para 2009?
Á marxe do traballo diario, que continuaremos, temos dúas grandes citas. Para o primeiro semestre de 2009 estamos preparando un gran festival en Nova York, no que imos amosar o mellor da literatura, a música e o teatro catalán. E no segundo semestre o reto é a Bienal de Arte de Venecia, na que Cataluña vai estar presente cun pavillón de seu.


5/5 (13 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: