Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acondicionamento de San Caetano

As obras na área de Presidencia custaron 2,26 millóns, non 1,6

O secretario xeral da Consellaría de Presidencia cifrou o orzamento das reformas en 600 mil euros máis do anteriormente anunciado.

Redacción - 19:10 17/11/2008

O secretario xeral da Consellaría de Presidencia, Santiago Roura Gómez, compareceu este luns na comisión primeira do Parlamento para dar conta do gasto que supuxo a remodelación do despacho do presidente da Xunta en San Caetano. Segundo explicou Roura, o custo total foi de 2,26 millóns de euros, 600 mil máis do que o Goberno afirmara en outubro.

En calquera caso, o secretario xeral explicou que a reforma non consistía unicamente na reforma do despacho de Touriño, senón que tamén incluíu cambios que supuxeron o aumento en case 200 metros cadrados de superficie nunha zona en que traballan 35 persoas. Tamén dixo que as obras, efectuadas a finais de 2005, eran "de necesidade obxectiva e inaprazábel", e que comprenderon a substitución da instalación eléctrica por outra de máis potencia.

Ademais, segundo o Roura Gómez, o vello transformador rebosaba o seu líquido lubricante, piraleno, de carácter canceríxeno. En detalle, dixo que o custo da obra civil foi de 697 mil euros, máis case 1,2 millóns en instalacións, 344 mil en mobiliario e 46 mil dun elevador.

Reacción do PPdeG

O Partido Popular de Galicia cualificou o gasto de "escandaloso" e replicou que as obras se aprobaron un mes antes de que se producise o apagamento en San Caetano. Tamén se pregunta como é posíbel que unhas dependencias accesíbeis para Manuel Fraga non o fosen para Touriño.

O secretario xeral do PPdeG, Alfonso Rueda, ironizou sobre o gasto en mobiliario: "Non sabiamos que as cadeiras de Fraga xerasen curtocircuítos", dixo. Tamén dixo que o único problema era que a Xunta se contradixese ao facer público o custo total da obra.

Rueda tamén anunciou que o seu partido seguirá a solicitar comparecencias no Parlamento; a próxima, a do interventor da Cámara.


4.67/5 (3 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: