Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Fwwwrando

RSS de Fwwwrando
EN MELIDE

Comunicación Audiovisual comeza unha campaña de difusión da TDT

Levará por título "Imos por diante" e desenvolverase nas zonas onde está a producir durante este mes o acendido dixital.

Redacción - 17:00 24/11/2008
En vermello, as áreas en que se vai desenvolver a campaña

En vermello, as áreas en que se vai desenvolver a campaña

Melide será o primeiro concello ao que chegará a campaña informativa posta en marcha pola Secretaría Xeral de Comunicación e o operador público de telecomunicacións Retegal para achegar a TDT á cidadanía. No acto, que será o martes 25 ás 20 horas no edificio multiusos, intervirán, entre outros, o director xeral, Manuel Xosé Fernández Iglesias, e a alcaldesa de Melide, Socorro Cea.

Durante o mes de decembro desenvolveranse outras seis charlas semellantes nos centros poboacionais onde está a ter lugar o encendido dixital e será o apagamento analóxico en xullo de 2009. Despois de Melide será a quenda de Noia (o día 3), Muxía (o 9 de decembro), Verín (mércores 10), Silleda (Martes 16) e Vedra (mércores 17).

Segundo informa a dirección xeral, o plan de actuación para o apagado de Ourense Leste e Santiago prevé un mínimo de 6 meses de convivencia entre as dúas tecnoloxías. Por iso, o despregamento dixital rematará nas dúas zonas o 31 de decembro de 2008, cunha cobertura superior ao 98,5% da poboación para o múltiplex autonómico, que leva o sinal das dúas canles da TVG e as futuras privadas de Popular TV e de La Voz de Galicia.

A campaña diríxese aos axentes do sector, administracións locais, radiodifusores, instaladores, comunidades de veciños e cidadanía en xeral para garantir que ninguén deixe de recibir os servizos de televisión que até agora vía en analóxico. O obxectivo é facilitar o proceso de transición do analóxico ao dixital. Comunicarase que o servizo ten maior calidade de imaxe e son e novas posibilidades con respecto á vella tecnoloxía.

Ao acto de Melide están convidadas persoas dos concellos de Arzúa, Boimorto, Frades, Mesía, Ordes, Santiso, Sobrado, Toques, Tordoia, Touro, Trazo e Vilasantar. O lema da campaña é "Imos por diante".

Unha vez se complete o acendido dixital no mes de decembro, que beneficia a 51 concellos das dúas demarcacións, Retegal e a secretaría xeral encargaranse de despregar encheocos para completar a cobertura até acadar o acceso universal no que respecta ao múltiplex autonómico, de cara a o apagón de finais de xuño.

No resto de Galiza as datas son do 31 de decembro de 2009, para as áreas de Ares (A Coruña) e Meda (Ourense) e do 3 de abril de 2010 para Domaio (Pontevedra) e Páramo (Lugo). O proxecto de transición de Ourense Leste e Santiago afecta a 44.184 e 357.673 habitantes, respectivamente, mentres que o de Meda abrangue 339.603, o de Ares 709.831, o de Páramo 316.227 e o de Domaio 936.001.


5/5 (1 votos)

Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: