Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Acordo de goberno

Socialdemócratas e conservadores repiten en Austria coa "gran coalición"

Malia a caída en beneficio da extrema dereita, as principais formacións de centro-esquerda e centro-dereita austríacos fan valer a súa suma para repetir no poder.

Redacción - 14:30 24/11/2008

Austria asiste a un pacto de goberno que non é novidade, xa que na historia recente do país os partidos hexemónicos na beira do centro esquerda, SPÖ, e no centro-dereita, ÖVP, suman unha longa traxectoria de consenso para o goberno conxunto.

Con todo, desta volta, o escenario poselectoral chegaba axitado polas respectivas caídas no seu apoio (SPÖ: 29,2%, un descenso do 5,7%; ÖVP: 26%, caída do 8,7%), e o ascenso paralelo das formacións da ultradereita, que ascenderon até perto do 30% do total de sufraxios entre a principal formación e a escisión liderada polo recentemente finado Haider.

Deste xeito, e dous meses despois da cita coas urnas, SPÖ e ÖVP fan público o acordo que converte en líder do executivo ao actual chanceler Werner Faymann, e como vicepresidente o líder dos conservadores, Josef Pröll. As dúas formacións suman 108 dos 183 escanos do parlamento austríaco. Inician unha nova quenda conxunta despois de pactar entre outros unha reforma da seguridade social e o sistema de pensións e un plan anti-crise de reactivación económica. Os socialdemócratas xestionarán Sanidade, Educación, Asuntos Sociais, Transporte e Defensa. Os demócrata-cristiáns fanse cargo de Economía, Interior, Exteriores, Xustiza, Ciencia e Agricultura.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: