Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
DATOS DE 2007

Máis libros editados, pero menos en galego

O ministerio publicou os datos do seu 'Anuario de Estatísticas Culturais', que amosan luces e sombras sobre a cultura de Galiza.

M.S.P. - 18:50 24/11/2008

Entre os discursos triunfalistas que decote se difunden dende administración, e a situación dalgúns sectores do mundo da cultura hai unha realidade de luces e sombras posta de relevo polas estatísticas. Indicadores positivos uns, e negativos outros, con ámbitos en crecemento e outros en franca crise. Por exemplo, a industria galega da edición, que rexistra un crecemento global nos últimos tempos, segundo os datos publicados este luns polo Ministerio de Cultura.

Cada ano publícanse máis libros en Galiza; no 2007 un total de 3.376, por 3.047 en 2006, sendo o noso país a quinta comunidade autónoma con maior produción editorial, por detrás de Madrid, Cataluña. Andalucía e Valencia. En Galiza publícanse máis libros, pero á vez descende a publicación en galego. En 2006 editáronse 1.843 obras en galego, mentres que en 2007 foron 1.780. aumentou, iso si, a publicación en 'outros soportes', nomeadamente o libro electrónico e as edicións dixitais, que pasaron de 38 a 45, unha alza moito menos importante cá rexistrada polos libros dixitais en castelán, que case dobraron o seu número. En xeral, no último ano aumentaron as edicións en español e diminuíron as realizadas nas outras linguas do Estado.

Son datos moi semellante aos xa apuntados hai unhas semanas polo estudo do Comercio Interior do Libro publicado pola Federación de Gremios de Editores de España. Naquel informe destacábase que as tipoloxías de edición educativa e infantil e xuvenil continúan sendo as principais da edición en galego. En 2007, o libro de texto supuxo o 33,3% dos títulos editados, o 30,7% dos exemplares fabricados e o 44,1% da facturación do sector. E o mesmo sucede co libro infantil e xuvenil: o 28,8% dos títulos editados, o 37,5% dos exemplares fabricados e o 14,7% dos libros vendidos.

Moito menor é a importancia real das obras literarias, con 266 títulos literarios publicados en 2007, un 16,38% do total, que supuxeron unha facturación de 3,45 millóns de euros (o 10,89% do total en galego e pouco máis do 2% do mercado do libro en Galicia). Estes datos supoñen un pequeno retroceso do libro literario en galego con respecto ao ano 2006, xa que se publicaron menos títulos (pasouse de 314 a 266) e, a pesar de manter o número de exemplares fabricados (aumentou a tirada media), a facturación reduciuse en catrocentos mil de euros (pasando de 3,80 millóns de euros a 3,45).

Máis investimento público
O investimento en cultura realizado pola administración autonómica experimentou nos últimos un aumento continuado, pasando dos 27 euros por habitante do ano 2002 (situados na media do Estado, uns 26,6 euros), até os 52 euros do 2006, moi por riba da media española, que non chega aos 42. Galiza sitúase en quinto lugar entre as comunidades autónomas cun meirande gasto público en materia cultural, só por detrás de Navarra, Murcia, Extremadura e Castela e León. Máis de 23 mil persoas están empregadas en Galiza no sector cultural, unha cifra na que se advirte un descenso dende as máis de 26 mil rexistradas no 2006; esta diminución contrasta cun aumento de doce mil traballadores no conxunto do Estado Español.

O cinema, en crise
Porén, os índices que rexistran o consumo e os hábitos culturais dos galegos deixan unha imaxe moito menos optimista. En Galiza, por exemplo, vaise pouco ao cine, de feito é a comunidade autónoma na que menos se vai; menos de catro de cada dez galegos (o 39,7%) foron ao cine algunha vez no ano no 2006 ou no 2007, moi lonxe da media española (52,1%) e lonxe tamén da proporción de galegos que acudía no período 2002-03, case o cincuenta por cento.

O sistema bibliotecario, un valor
Mellor é a situación se falamos das bibliotecas, pois Galiza conta con máis bibliotecas por cada cen mil habitantes (21,7) que case calquera outro territorio do Estado, cunha media global de 14,9. Galiza só é superada por Castela-a Mancha, Aragón e Navarra. Que haxa máis bibliotecas non significa que estas teñan máis usuarios; e así, o noso país conta con menos habitantes rexistrados nas bibliotecas (30.168 por cada cen mil habitantes) que o conxunto do Estado (33.808), aínda que cunha tendencia á alza nos últimos anos, dende as cifras do 2002 (25.462), moito máis afastadas da media estatal.


5/5 (9 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: