Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Barcelona

Edición xestionada por Xabier Paradelo
RSS de Barcelona
EXPOSICIÓN NO MNAC, "Retrospectiva", de Julio González

Julio González, o gran mestre da escultura en ferro

Unha mostra retrospectiva do artista do ferro devolve o prestixio e sona a quen expuxo a súa Montserrat diante do Guernica de Picasso, no Pabellón da República Española, en París, no 1937.

Lito Caramés - 12:00 27/11/2008

Os préstamos entre museos, e mesmo entre particulares, non son doados. É habitual sentir as queixas de comisarias e comisarios de exposicións cando teñen que argumentar por que tal obra non está nas salas que presentan ao público boa parte da produción de tal ou cal artista. No Museu Nacional d'Art de Catalunya (MNAC) vén de abrirse Retrospectiva, de Julio González, unha moi boa representación do traballo de Julio González ao longo da súa vida. Máis de duascentas creacións, entre debuxos, pinturas, alfaias e, por suposto, esculturas. É a primeira vez que en Barcelona, a cidade onde naceu, se xuntan tantas pezas da súa autoría, chegadas do Centro Pompidou (Paris), do Reina Sofía (Madrid), do MOMA (N. York), do IVAM (Valencia) e de coleccións privadas. Tamén neste caso, como logo se verá, falta unha peza emblemática na traxectoria profesional de González.

Julio era fillo de metalistas (C. González e Hijos , Rambla de Catalunya) e comezou a traballar diversos metais na casa paterna. Agora no MNAC pódese ver unha ampla recompilación de alfaias deseñadas por Julio González, moitas para a firma do seu pai e a meirande parte delas aínda preto da estética modernista.

Informacións non confirmadas indican que o seu avó paterno, que instalou un taller de fundición e traballo do metal no barrio de Gràcia, era galego.

Autonomía creadora

Os anos trinta son os anos da maduración expresiva para Julio González. Desde entón comeza un camiño que o leva a crear unha linguaxe escultórica e plástica moi persoal. Precisamente, no ano 1935 vende ao MOMA a única obra (Head, 1935) que vendeu en vida a un museo. González, coetáneo de escultores como Gargallo, Brancusi ou Calder, é quen de fuxir das súas vangardas e rematar por atopar o seu material -o ferro- e a súa expresividade propia.

Despois de ter etapas que se asemellan ao cubismo ou ao surrealismo, opta por facer do espazo a única dimensión e a referencia exclusiva. Os seus temas -entre os que destaca sempre a figura feminina (maternidades, labregas...)- van explorar as posibilidades do ferro no espazo. O ferro debuxando liñas (variñas) de forte contido expresivo e poética sinxeleza; o ferro inventando volumes (pranchas) para suxerir a forza de corpos e obxectos.

Amizade con Picasso

As relacións entre González e Picasso pasaron por varias etapas. Primeiro, foron amigos e compañeiros desde os tempos de Barcelona, que logo seguiron en París. Máis tarde, por mor duns debuxos, Julio decide romper a relación. Con posterioridade volverán a traballar xuntos e mais a gozar das experiencias mutuas. No ano 1928, Picasso pide axuda a González. Ten o encargo de facer unha escultura pública de homenaxe a Apollinaire. Picasso quere facela en ferro, e quen sabe diso é González. Durante tempo, pois, os dous traballaron xuntos no estudo de González sobre ese proxecto de monumento escultórico a Apollinaire. Picasso tivo o empeño de que o monumento se fixese, de feito investiu boa parte do seu traballo como escultor neste proxecto. Proxecto que, logo despois, non se concretou por non gustar as propostas de Picasso ao comité Apollinaire.

Dise que desde que González comezou a colaborar co Picasso (ou Picasso con González), a obra de Julio estivo, durante un tempo, bastante condicionada pola influencia do grande pintor malagueño. A sombra de Picasso é longa.

Tamén se pode ler que a súa figura quedou unha miga esquecida polas accións e declaracións de David Smith. Smith, escultor norteamericano, confesou que Julio González era o seu principal referente. A comezos dos anos trinta coñeceu as esculturas que González estaba a facer en ferro, e iso fíxolle mudar radicalmente a súa traxectoria artística. A fama de Smith chegou logo da II Guerra Mundial coas súa creacións de ferro para espazos públicos. E a crítica (esa cousa tan caprichosa, e tan saudosa do patrón dólar) foise atrás da obra do creador estadounidense e ignorou os logros anteriores de González.

A Montserrat

Unha pena que non se puidese traer a Montserrat desde Holanda a Montjuïc. A obra (de 1935-1937) presenta serio deterioro, o que levou aos técnicos do Stedelijk Museum (Amsterdam) a negar a posibilidade de que a peza se mova do museo. A Montserrat estivo exposta no Pabellón da República Española (París, 1937), xunto co Guernica de Picasso e mais obras de Miró, Alberto, Barral, etc. A súa forza nas pranchas de ferro, na fouce que loce na man dereita, a súa resolución ancorada na maternidade, que exhibe como escudo contra os inimigos. Todo fai da Montserrat un símbolo contra os explotadores, contra o fascismo.

Logo, traballou anos no proxecto doutra Montserrat, da que deixou debuxos, estudos, e partes do corpo. Se hai que destacar algunha das obras preparatorias, a Cabeza de Montserrat Berrando (Tête Montserrat Crient, 1942) é seguramente a que mellor reflicte o sentimento que González quería transmitir na peza que deixou sen rematar.

Desde non hai moito Barcelona dedica unha praza a Juli González, (Poblenou, Barcelona). Sería unha excelente idea que a praza Juli González tivese nos seus xardíns unha copia da escultura da Montserrat. Pode ser un bo final para esta fermosa retrospectiva do grande mago do ferro.

EXPOSICIÓN: Retrospectiva, de Juli González

MNAC. Palau Nacional (Montjuïc)

Horario: martes a sábados, de 10 a 19 h., domingos de 10 a 14,30 h.

Até o 25 de xaneiro de 2009.


3.75/5 (4 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí:



Julio González, "Gran Maternidade", 1934 (detalle)
Julio González, "Gran Maternidade", 1934 (detalle)
Julio González, "Arlequín", 1930
Julio González, "Arlequín", 1930
Julio González, "O Bico", 1930
Julio González, "O Bico", 1930
Julio González, "Home Cactus I" 1939
Julio González, "Home Cactus I" 1939
Julio González, "Muller Sentada", 1935
Julio González, "Muller Sentada", 1935