Vieiros

Vieiros de meu Perfil


GZ-Deportiva

Xestionado por Vieiros
RSS de GZ-Deportiva
XISELA ARANDA

"O squash é un deporte minoritario, non elitista"

Participará dende este domingo no campionato do mundo por equipos que se disputará en Exipto e durará até o sábado seguinte.

Redacción - 15:00 30/11/2008
Xisela Aranda / Imaxe: Vigo Squash

Xisela Aranda / Imaxe: Vigo Squash

Con só 22 anos Xisela Aranda terá a oportunidade de participar no seu primeiro campionato mundial. Ao Cairo chega como actual subcampioa estatal absoluta, campioa sub-23 e campioa dos catro últimos torneos galegos. Xisela tivo uns minutos para falar con Vieiros antes de arrincar a terras exipcias.

Pilloute por sorpresa ser chamada para este mundial?

A verdade é que ata o último momento non sabes, pero máis ou menos facíame á idea. Este ano xoguei moi ben os campionatos nos que participei, por mor do traballo feito nos adestramentos.

Que agardas de esta experiencia?
Vai ser unha algo inesquecíbel, non só pola competición, senón tamén pola cidade. Tratarei de sacar o meu mellor nivel. Estou a adestrar ben, pero hai países con moito nivel.

E no referido ao eido deportivo?
No que se refire ao xogo individual conformaríame con acadar o nivel ao que estiven no último europeo, disputado na pasada primavera. Alí gañei a xogadoras que vía como invencíbeis antes de saír á pista. Espero poder volver a xogar así, porque agora estou igual ou incluso mellor fisicamente. No que se refire ao equipo eu creo que estaría ben rematar na metade da táboa. Competimos 20 equipos e penso que a décima posición sería un bo resultado, xa que hai sete equipos que son invencíbeis.

Despois de anos dominando o circuíto galego, cando podemos contar con que o teu dominio se leve tamén ao nivel estatal?
É certo que en Galiza levo 4 anos gañando o campionato e son a número un da listaxe como tamén do equipo. Este ano tamén fun subcampioa estatal. A que me gaña agora mesmo é Elisabep Sadó. Ela é a mellor a nivel estatal, pero eu adestro para conseguir superala.

Concordas coa idea dos que ven o squash como un deporte elitista?
Paréceme falso, porque calquera pode practicalo. Para min é un deporte minoritario, que non elitista. Se houbese máis axudas das institucións públicas poderíao practicar máis xente. Non é culpa do deporte, senón da falta de atención que sofre. Aquí en Vigo estamos bastante ben, porque o squash está incluído nas escolas municipais e hai pistas públicas así como adestradores que traballan dende a base.

En que situación se atopa o squash en Galiza?
Están saíndo xogadoras e xogadores que poderían chegar lonxe se reciben apoio dende o principio. En Galiza, tanto a niveis de base como absoluto temos moitos campións. Borja Golán é un referente para os rapaces e eu, a outro nivel, trato de cubrir ese papel de cara ás rapazas.

Supoño que con todo o tempo que lle adicas o deporte terá un papel importante na túa vida, non?
Agradezo o tempo que me quita o squash. Eu creo que é parte da cultura do deporte, que é moi importante para min, e por iso trato de practicalo todas as tardes. Moitas das cousas que conseguín no eido profesional e persoal chegaron grazas ao que me deu o deporte, por exemplo no referido á disciplina. Sei que non vou vivir do squash, pero dáme forzas para vivir doutras cousas.


5/5 (1 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: