Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Edición xeral

RSS de Edición xeral
Carreira cara ás eleccións

PSdeG: na procura do impulso de Ferraz

Os socialistas esperan conseguir entre tres e catro escanos dos catro ou cinco que perderá o PPdeG, segundo as sondaxes.

Europa Press - 09:00 01/12/2008

O PSdeG utilizará o apoio loxístico de Ferraz para deseñar unha campaña "con certo ton presidencialista" e "moi diversificada" por sectores (urbano, rural, público novo) de modo que será "moi similar" á que o secretario xeral do PSOE, José Luis Rodríguez Zapatero, puxo en marcha durante as pasadas eleccións xerais.

Neste sentido, a campaña centrarase maioritariamente no líder do partido en Galiza, Emilio Pérez Touriño, posto que as enquisas que manexa o PSdeG reflicten que, tanto en valoración persoal coma en coñecemento, está "amplamente distanciado" do presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijoo, e do voceiro nacional do BNG, Anxo Quintana. As mesmas enquisas evidencian que a valoración de Touriño por parte dos votantes "mellorou moito a medida que empezou a propoñer as medidas anticrise despois dunha caída neste dato tras o primeiro impacto da crise en Galiza".

Non obstante, fontes socialistas consultadas por Europa Press admitiron que o incremento na súa valoración "non empezou a repuntar ata que actuou o goberno español", aínda que despois "a curva debuxou un amplo ascenso". A pesar deste dato positivo, o PSdeG é consciente que a influencia da situación económica adversa pode facerlle perder votos nas cidades, onde o voto é "máis volúbel" debido a que se trata dun sector da poboación máis afectado pola crise e máis "crítico".

Sondaxes favorábeis
En canto ás dúas sondaxes coas que conta o PSdeG, cifran o descenso do PPdeG en "catro ou cinco" escanos, que se repartirían entre os dous grupos que forman o Goberno actual. Así, entre tres e catro irían parar aos socialistas, mentres que un ou dous serían para os nacionalistas.

Deste modo, o PSdeG podería subir na Coruña, Lugo e Ourense (onde podería lograr dous), algo que obrigaría o PPdeG a intensificar campaña nestas zonas, consideradas tradicionalmente os seus bastións fortes. "Aos populares afectaralles moito", reflexionaron as mesmas fontes, tras entender que "tamén lles afectou moito perder a Deputación de Lugo tras as eleccións municipais".

Consciente disto, Feijoo viaxou esta fin de semana a Arxentina e Uruguai acompañado dunha ampla delegación luguesa, o que revela a importancia que concede a esta provincia para as eleccións de marzo. Non obstante, segundo o PSdeG, a campaña "presidencialista" do PPdeG "fracasará" porque o líder dos populares galegos é "pouco coñecido no rural" e "pouco valorado nas cidades".

Por iso, a campaña socialista arrancará co obxectivo de achegarse a todos os recantos de Galiza, para o cal contará tamén coa presenza de Zapatero e Xosé Blanco no país. Ademais, as sedes de Madrid e Santiago manteñen un contacto "permanente" e, precisamente, o pasado día 25, produciuse a última reunión entre ambos os dous órganos.

Esforzo publicitario
Para a campaña publicitaria, o PSdeG contratou a axencia coruñesa BAP & Conde, deseñadora da campaña Vivamos como galegos para unha cadea de supermercados; e, en canto a valados e espazos publicitarios, estes xa están contratados. Por outra banda, o programa estará finalizado a mediados de decembro, e nesta data, concretamente o 14, vaise celebrarar tamén o Comité Nacional Galego extraordinario no que se aclamará a Touriño como candidato á Presidencia da Xunta.

Os socialistas utilizarán ademais internet como ferramenta de comunicación, mediante a creación de páxinas web "moi interactivas e moi participativas" e coa articulación dunha rede de blogs de campaña, de militantes e simpatizantes, co fin de facer o seguimento da campaña e crear "ambiente". "Para que a xente fale e opine", explicaron fontes socialistas a Europa Press, que aludiron á necesidade de que as páxinas "se dinamicen constantemente", polo que agradeceron o traballo dos voluntarios ciberprogresistas. Ademais, debido a que internet é "cada vez máis importante" porque, segundo apuntaron, "un 16% dos votantes infórmase exclusiva ou principalmente" a través da rede, o PSdeG participará tamén en redes sociais como Facebook ou Twitter.

As listas
Malia que o PSdeG non empezará a confeccionar as súas listas até o mes de xaneiro, non se prevén moitos cambios respecto ás presentadas nas anteriores eleccións de 2005 e a práctica continuidade marcará os cabezas de lista.

Neste sentido, tres dos catro cabezas de lista de hai catro anos repiten no mesmo posto. É o caso de Emilio Pérez Touriño -Pontevedra-; o vicesecretario xeral do PSdeG, Ricardo Varela -Lugo-; e o conselleiro de Medio, Manuel Vázquez -Ourense-. Así, a única novidade será a provincia coruñesa, que se disputará entre o conselleiro de Presidencia, Xosé Luis Méndez Romeu, e a secretaria de Organización, Mar Barcón.

Na Coruña, completarán a lista os deputados Xaquín Fernández Leiceaga -que se perfila como próximo voceiro parlamentario-, Beatriz Sestayo, Xosé Manuel Lage Tuñas, Francisco Cerviño, Marisol Soneira, Luis Toxo e a conselleira de Sanidade, María José Rubio.

Polo que respecta a Pontevedra, a conselleira de Política Territorial, María Xosé Caride, acompañará a Touriño como número dous. Ademais, repetirán, previsiblemente, a conselleira de Pesca, Carmen Gallego; e os deputados Modesto Pose, Guillerme Meijón, Xosé Manuel Gallego Lomba e Soledad Sánchez Trujillano.
A lista de Lugo contará coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón, como número dous de Ricardo Varela; e cos deputados Miguel Anxo Fernández López, Concepción Burgo e José Tomei Roca. Tamén a concelleira de Economía e Facenda do Concello lucense, Sonia Méndez, podería formar parte do elenco desta provincia.

Pola súa banda, en Ourense espérase que figuren o conselleiro de Economía, Xosé Ramón Fernández Antonio; e os deputados Laura Seara, Carme Acuña e Pablo López Vidal.

Entre as dúbidas atópanse a actual presidenta do Parlamento, Dolores Villarino, que podería concorrer por Pontevedra na lista; e o aínda voceiro parlamentario, Ismael Rego, que podería ir por Lugo.

Por último, a data das eleccións foi fixada esta semana por Touriño para o mes de marzo, aínda que o día aínda non está establecido. Entre os máis probables sitúanse os dous primeiros domingos, o 1 e o 8, ante a previsión de que os comicios vascos se celebren o 22 ou o 29 do mesmo mes.


0/5 (0 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: