Vieiros

Vieiros de meu Perfil


Máis Alá

Xestionado por Vieiros
RSS de Máis Alá
REACCIÓN

'Que voltem a casa!' responde ao "acoso" contra a plataforma e a Sala Nasa

A plataforma difundiu un manifesto, asinado por políticos e intelectuais, que denuncia a "persecución sistemática de todo o pensamento disidente"

Redacción - 19:25 01/12/2008

No texto, o manifesto contesta á 'campaña' iniciada nas últimas semanas contra o concerto, a plataforma e a propia Sala Nasa, espazo alugado para o espectáculo: "denunciamos a persecución e criminalización á que están sendo sometidas a 'Plataforma Cidadá Que Volten a Casa!' e a Sala Nasa, local de celebración do evento. Na nosa opinión este acoso ten que ser atribuído á persecución sistemática de todo o pensamento disidente". Roi Ribeira, membro do Consello Nacional do BNG, e as xornalistas Begonha Caamanho e Xiana Arias, foron os encargados de ler o manifesto, nun acto celebrado no restaurante 'O Dezaseis', de Compostela.

En consecuencia, a plataforma manifestou que non van "ceder a presións mediáticas fundamentadas en mentiras" e que van "seguir adiante na celebración da Festa pola Liberdade e na defensa dos dereitos e liberdades de todos e todas as galegas".

A plataforma, organizadora do acto, explicou unha vez máis os obxectivos do concerto: "a exixencia da liberdade provisional de Santiago Vigo Domínguez e José Manuel Sanches Gorgas, presos en Madrid, e do seu achegamento a prisións próximas aos seus domicilios, en cumprimento da vixente lexislación penitenciaria española; e, por outra banda, a recadación de fondos para financiar as viaxes a centos de quilómetros para as visitas de familiares, amigos e amigas de ambos os presos".

Entre as persoas que xa asinaron o manifesto están Xosé Manuel Beiras, Xosé Luís Méndez Ferrín, Roi Ribeira e Xosé Constenla, Teresa Moure, Xurxo Souto, Francisco Fernández Rei, Carlos Santiago, Albero Lema, Margarita Ledo, Elvira Souto, Tino Baz, Anxo Angueira, Carme Hermida, Uxio Breogán Diéguez, Gustavo Luca ou Luis Gonçales Blasco 'Foz', así como os grupos que actuarán no concerto (Skárnio, Vai e A Quenlla).

Na roda de prensa leuse tamén o manifesto sobre a situación xudicial e penitenciaria na que se encontran José Manuel Sanches e Santiago Vigo. Así mesmo, o colectivo Esculca remitiu un comunicado denunciando a situación de "acoso" á que se viu sometida a plataforma nas últimas semanas, e en defensa do dereito de reunión e da liberdade de expresión, exercidos a través da festa que se celebrará o sábado 6 de decembro.

Semana de declaracións e denuncias
O venres 28 Gerardo Conde Roa, voceiro do PP no Concello de Santiago, interpuxo una demanda xudicial para impedir a celebración do concerto e para que a Sala Nasa devolva os fondos recibidos, a través do convenio asinado co Concello, para o apoio aos artistas novos e pola promoción cultural da cidade de Santiago. "Non podemos quedar de brazos cruzados ante uns cartos que teñen un destino pestilente", dixo Conde Roa, que engadiu que "é escandaloso que persoas que tentaron atentar contra a vida e os bens dos santiagueses reciban unha homenaxe subvencionada co diñeiro dos composteláns". O xoves, no pleno municipal o PP presentou unha moción cos mesmos obxectivos. A proposta foi rexeitada por socialistas e nacionalistas, ao non atopar motivos para o seu estudo.

O grupo de goberno, formado por PSdeG-PSOE e BNG, tamén expresou o malestar pola organización no concerto, aínda que lembrou que o convenio que mantén coa Nasa non se refire a unha programación concreta senón ao seu funcionamento como espazo cultural . O alcalde, Sánchez Bugallo, declarou que o concerto "irrítao" e "indígnao", mentres que dende o BNG afirmaron que están "a favor da liberdade de expresión" pero en contra das "homenaxes a persoas que acaban de ser condenadas por un acto terrorista". O goberno local remitiu un escrito a este organismo para que, no caso de que constate algún tipo de delito, actúe en consecuencia.

Esta situación está provocando malestar entre os responsábeis da Nasa, que xa afirmaron que "se se retira a subvención, a Nasa a partir do 1 de xaneiro pecha". Santiago ficaría sen o seu espazo cultural máis destacado, un referente para todo o país con máis de 15 anos de actividade.


Ligazóns

4,65/5 (62 votos)


Sen comentarios

Novo comentario

É preciso que te rexistres para poder participar en Vieiros. Desde a páxina de entrada podes crear o teu Vieiros.

Se xa tes o teu nome en Vieiros, podes acceder dende aquí: